A cátedra da empresa familiar, coa economía pública

A cátedra da empresa familiar, coa economía pública

28 de maio de 2021. A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña (UDC) vén de patrocinar o XXVIII Encontro de Economía Pública, celebrado os días 27 e 28 de maio para abordar, con persoas do ámbito académico conectadas vía online, diversos traballos de investigación relacionados coa economía, como o mercado laboral, a política fiscal, o gasto público ou a docencia nos tempos da Covid-19.

Berta Rivera, directora da cátedra, e Bruno Casal, coordinador de programas, presidiron o comité organizador do foro e participaron nunha sesión sobre economía da saúde. Rivera, ademais, integrou o comité científico do encontro, que acolleu unha trintena de sesións e concluíu cunha poñencia de Ignacio Moral-Arce, do Instituto de Estudos Fiscais, sobre a avaliación de políticas públicas.

O Encontro de Economía Pública, que se celebra cada ano nunha cidade española, é un foro de presentación e discusión de traballos académicos de diversas áreas temáticas co gallo de apoiar e dar difusión á actividade investigadora no eido da economía pública.