A dixitalización e sustentabilidade, retos da empresa familiar en 2023

A dixitalización e sustentabilidade, retos da empresa familiar en 2023

16.11.2022. A innovación a través da dixitalización e sustentabilidade é un dos principais retos que a empresa familiar afrontará en 2023. Así o considera Berta Rivera, economista e directora da Cátedra da Empresa Familiar na Universidade da Coruña. Para a especialista, a incerteza do momento económico actual sitúa a innovación, xunto co mantemento dun crecemento sostible que permita mellorar aspectos de competitividade como prioridades para as empresas familiares.

Nun contexto económico adverso, as empresas familiares tenden a poñer en marcha plans de continxencia máis dinámicos. Cal será o primeiro elemento a protexer?

Ante a situación de retardación económica actual e, as predicións futuras, o emprego é un elemento básico a protexer, fundamentalmente no que se refire á captación e mantemento do talento nas empresas. Nestes momentos, un capital humano especializado e de calidade permitirá ás empresas facer fronte á gran necesidade de competencias e habilidades que cada vez se volven máis imprescindibles.

A inflación, aínda que á baixa nos últimos meses, preséntase como un elemento crave no desenvolvemento económico en 2023. Como cre que actuarán ou deberían actuar as empresas familiares para afrontala?

A evolución xeral da economía, e, en concreto as tensións inflacionistas actuais, teñen un importante impacto nos resultados empresariais. O incremento do custo das materias primas e os custos enerxéticos son as principais partidas ás que se lles atribúe un maior impacto, particularmente nalgúns sectores de actividade. A subida de tipos de interese tamén afectará as empresas que terán que enfrontarse a gastos financeiros máis altos e restrición de crédito nalgúns casos. A reestruturación de custos non laborais, entre eles a débeda, configúranse como elementos relevantes respecto a os altos niveis de incerteza existentes.

Como valora a evolución das empresas familiares galegas no ano 2022? Como cre que evolucionarán no 2023?

As empresas familiares enfrontáronse a importantes retos no ano 2022 pero seguiron comportándose como grandes protectoras do emprego, mantendo, e mesmo incrementando os seus persoais. As previsións económicas para o 2023 non son optimistas, con sucesivas reducións das taxas de crecemento previstas e niveis de inflación aínda moi elevados. Ademais da inflación, moitas industrias seguen sufrindo problemas na cadea de subministracións, agravados pola guerra de Ucraína. Estes datos probablemente teñan repercusións sobre a recuperación das empresas e a volta a niveis previos á pandemia do COVID e, retarde o crecemento dos resultados do próximo exercicio.