“A empresa familiar convértese nunha grande opción de emprego e futuro para os nosos estudantes”

“A empresa familiar convértese nunha grande opción de emprego e futuro para os nosos estudantes”

Berta Rivera, directora da cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña, destaca que o 80% dos alumnos da cátedra atopan traballo nunha empresa familiar, unha modalidade de compañía que Rivera destaca pola súa mellor evolución en tempos de crise como a actual, derivada da pandemia do coronavirus: “As empresas familiares galegas xogan un papel fundamental como motor de recuperación económica”, salienta.

Por que é importante que exista nas universidades de Galicia unha cátedra sobre a empresa familiar?

As Cátedras de Empresa Familiar materialízanse mediante convenios de colaboración para recoñecer a importancia estratéxica da empresa familiar para a economía e a sociedade en xeral, e para Galicia en particular. A súa finalidade principal é promover a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento respecto ás características diferenciais das empresas familiares e as distintas problemáticas que afectan á súa xestión e crecemento. Non hai dúbida de que a sociedade actual necesita que a universidade manteña os seus esforzos no desenvolvemento das súas dúas misións tradicionais, docencia e investigación, pero que, ademais, intensifique unha terceira misión, a transferencia de coñecemento, para contribuír al¡o progreso económico mediante a transformación do coñecemento en innovación. Neste novo modelo, é fundamental xerar coñecemento e transmitilo, e, polo tanto, é necesario fortalecer o vínculo entre os ámbitos universitario e empresarial.

A colaboración específica no eido da empresa familiar está plenamente xustificada pola importancia económica das empresas familiares, que son un piar innegable da economía, ademais da súa vinculación e o seu compromiso co seu entorno xeográfico e social, particularmente relevante no caso de Galicia. Por iso, profundizar nas súas características propias a través da docencia, investigación e transferencia de coñecemento xera un gran valor engadido para os estudantes, a comunidade científica e a sociedade.

Como é a experiencia da cátedra da Universidade da Coruña (UDC) desde o punto de vista da docencia?

É particularmente gratificante comprobar como cada curso académico aumenta o número de estudantes matriculados en asignaturas optativas sobre Economía e Xestión da Empresa Familiar, así como o grao de satisfacción que manifestan nas correspondentes enquisas de avaliación.  O contacto directo con empresarios familiares a través de ciclos de conferencias, o desenvolvemento de obradoiros prácticos e seminarios con profesionais externos, as visitas a empresas, así como o estudo dos rasgos principais das empresas familiares, motivan en gran medida ao alumnado que as cursa.

Os alumnos participan directamente na análise de aspectos como o proceso de sucesión, a profesionalización, a comunicación e resolución de conflitos, os órganos de goberno, modelos de remuneración, fiscalidade ou principais riscos na empresa familiar. Por outro lado, os estudos e proxectos de investigación, promovidos a través das cátedras, permítennos avanzar no coñecemento de aspectos de interés que precisan de análises empíricas, realizados con datos actuais e metodoloxías rigorosas. Estes estudos permítennos chegar a conclusións e ofrecer ferramentas de avaliación, tanto ás empresas como aos decisores políticos, para poder tomar decisións en función dos resultados obtidos. A relación bidireccional de colaboración entre as cátedras e as empresas familiares é de vital importancia para poder levar a cabo os devanditos estudos. Asimesmo, a colaboración entre as cátedras, especialmente intensa a nivel da nosa comunidade, pero tamén entre as cátedras existentes no resto de España, favorece o intercambio dese coñecemento e a súa discusión e mellora, o que resulta imprescindible para poder avanzar no mesmo.

Que importancia ten a Rede de Cátedras da Empresa Familiar?

En España existe unha importante rede que desenvolve as súas actividades en diferentes universidades españolas, a través das que transmiten á sociedade os valores da empresa familiar. Está formada por 39 cátedras nas que colaboran arredor de 200 profesores universitarios e onde se forman uns 2.000 alumnos cada ano. Estas cifras son suficientemente representativas da relevancia que distintas institucións, como as asociacións territoriais da empresa familiar, o Instituto de Empresa Familiar, as universidades e diferentes patrocinadores, recoñecen cada ano respecto á necesidade do coñecemento nas nosas universidades sobre a realidade do tecido empresarial do noso país.

No caso concreto da UDC, contan entre as súas actividades cunha visita ao grupo empresarial familiar máis importante de Galicia e un dos máis relevantes no mundo, como é Inditex. Como viven os alumnos esta experiencia?

Trátase dunha visita guiada, de aproximadamente tres horas de duración, na que percorremos gran parte das instalacións da sede de Inditex en Arteixo, onde traballan máis de 3.000 persoas. Nada máis chegar, os alumnos quedan impresionados pola arquitectura do edificio e a gran superficie que ocupa. No transcurso da visita, a persoa que nos acompaña dá a coñecer aos estudantes as características de cada departamento e a súa función no modelo de xestión que desenvolve Inditex. Malia que os estudantes destacan toda a visita en xeral, remarcaría o seu interés polo centro loxístico, totalmente automatizado, onde as prendas se trasladan polos quilómetros de túneis que as distribúen a través de códigos dixitais para todo o mundo. Tamén os impresiona moito aa parte na que tendas ficticias reproducen as tendas reais que podemos ver de forma idéntica nas nosas cidades. No caso do departamento de venda online, chámanlles moito a atención as pantallas onde pode verse en tempo real o número de consumidores que están entrando na web e facendo compras en todos os países do mundo onde existen puntos de venda. Tamén é habitual a coincidencia con outras visitas guiadas que veñen de diferentes partes do mundo e a coñecer “o milagre Inditex”. O mesmo sucede cos nosos alumnos de diferentes nacionalidades, que gozan enormemente da visita.

Unha vez na aula, ao repasar a experiencia, os estudantes recoñecen sobre todo a cultura do traballo en equipo, parte fundamental no éxito do negocio de Inditex. Impresiónannos os grandes espazos abertos onde profesionais de distintos ámbitos comparten as súas ideas traballando nun proxecto común. Isto é particularmente relevante para os estudantes do Máster en Administración e Dirección de Empresas, onde desde o principio do curso a metodoloxía de traballo consiste na formación de grupos que crean unha empresa e a desenvolven, coa contribución de todas as asignaturas que se imparten a través do “método do caso”. Ademais, todas as empresas constitúense como empresas familiares, o que nos permite aplicar todos os conceptos vistos nas aulas dunha forma práctica.

Non hai dúbida da grande experiencia formativa que supón esta visita a unha empresa galega familiar da relevancia de Inditex. Neste sentido, a posibilidade de visitas ás sedes de empresas familiares de diferentes sectores e características é dos aspectos máis satisfactorios para os nosos estudantes.

A situación actual derivada da crise do coronavirus impactou moito na docencia. Como se adaptaron?

A crise do coronavirus, do mesmo xeito que nos demais sectores, influíu de forma importante na docencia. En marzo, cando comezou o confinamento, a docencia tivo que pasar a impartirse repentinamente de forma virtual, o que obrigou a unha reorganización dos programas docentes e formas de avaliación que se viñan desenvolvendo tradicionalmente, así como o impulso de novas ferramentas por parte de docentes e estudantes. Na UDC estabamos habituados a usar plataformas de teleformación, pero basicamente utilizábanse como repositorios de información, facilitando materiais, tarefas, comunicacións, etc., aos estudantes. A UDC realizou un grande esforzo na implementación dunha plataforma que nos permitise impartir as clases online aos case 14.000 estudantes matriculados nas diferentes titulacións, así como reforzar e ampliar a capacidade das existentes, sobre todo para garantir a realización de probas de avaliación. O esforzo de adaptación foi moi importante tanto por parte da UDC e o profesorado, para que ningún estudante se vise prexudicado pola situación.

Como afectou ás actividades da Cátedra?

Ademas de na suspensión das clases e a avaliación presencial xerais, as actividades víronse afectadas particularmente. Como comentaba, un dos aspectos máis relevantes das cátedras é que posibilitan a interacción entre o mundo empresarial e universitario a través da realización de obradoiros e seminarios prácticos, visitas a empresas e contacto con empresarios. Para o desenvolvemento de todas estas actividades é importante a presencialidade e o contacto directo cos estudantes. Lamentablemente, o curso pasado todas as actividades programadas tiveron que cancelarse, aínda que na nosa universidade o curso actual iniciouse con docencia presencial, polo que practicamente todas puideron retomarse no primeiro trimestre deste curso, con excepción das visitas ás empresas.

Tamén aproveitamos a experiencia destes meses para realizar actividades conxuntas como, por exemplo, os ciclos de conferencias da Universidade de Vigo (UVigo), ás que puideron asistir estudantes da UDC, e o mesmo sucederá co ciclo que organizaremos no mes de abril na nosa universidade, que estará aberto a estudantes da UVigo.

Debido á situación sanitaria comezamos o segundo cuadrimestre de forma non presencial, impartindo as clases online, organizándonos en sesións diferentes segundo sexan clases maxistrais, clases prácticas cos grupos de traballo ou titorías de Traballos Fin de Grao ou Fin de Máster. O certo é que, analizándoo cunha perspectiva temporal, levouse a cabo unha gran transformación na docencia nun teempo récord, co esforzo de todos. O que en condicións normais podería tardar anos en desenvolverse fíxose en poucos meses e isto vén de ser fundamental para que os nosos estudantes puidesen seguir recibindo a formación que lles correspondía. Porén, considero fundamental a presencialidade para manter tanto a calidade da docencia como da avaliación. A metodoloxía online pode utilizarse como un complemento, pero nunca como un substitutivo da docencia presencial, sobre todo en materias e actividades como as que desenvolvemos nas cátedras, que se enriquecen enormemente coa interacción entre todos os participantes.

Cal é a súa valoración da influencia da cátedra na saída profesional dos estudantes universitarios?

Considero que a cátedra supón unha contribución importante respecto á saída profesional dos estudantes. En concreto, posibilita o contacto con profesionais externos que os informan de diferentes recursos e instrumentos existentes, tanto para comezar as súas propias actividades empresariais como para incorporarse ao mercado de traballo. Estes obradoiros e seminarios organízanse todos os cursos académicos e contan cunha gran participación. Tamén, no desenvolvemento dos programas das asignaturas compleméntanse os seus coñecementos sobre a empresa familiar, poñendo en valor o seu papel na nosa economía e facilitando a súa especialización, o que será un valor engadido á súa formación de carácter xeral e, polo tanto, unha mellora do seu currículo. Asimesmo, a titorización dos seus Traballos de Fin de Grao e Fin de Máster permítelles profundizar en diferentes temas de interés sobre a empresa familiar, o que ademais de engadir un valor importante respecto á investigación no tema, apórtalles gran cantidade de recursos e fontes de información que descoñecían.

Entre os traballos desenvovidos polos estudantes realízase unha radiografía da empresa familiar en Galicia a partir de bases de datos como SABI ou DIRCE, onde se analizan as empresas familiares galegas por sectores de actividade, tamaño, organización, etc. Permítenlles coñecer o noso tecido produtivo e as empresas que o integran, e que formarán parte do mercado de traballo ao que terán que enfrontarse en poucos meses. Non hai dúbida de que a empresa familiar convértese nunha grande opción de emprego e futuro para os nosos estudantes. As cifras neste sentido son suficientemente ilustrativas, cun 80% dos estudantes que acaban traballando nunha empresa familiar, é dicir, 4 de cada 5.

A situación económica derivada da pandemia non é alentadora. Que papel están xogando as empresas familiares en Galicia e que papel cre que xogarán no futuro?

Non cabe dúbida do grande impacto social e económico que vén de ocasionar a Covid-19 a nivel mundial, e, por suposto, a empresa familiar non foi allea ao mesmo. Os escenarios económicos estiveron e seguen estando condicionados pola evolución da pandemia, o que se traslada ás cifras dos principais agregados macroeconómicos. Segundo o INE, o PIB de España sufriu un descenso histórico do 11% no ano 2020, mentres as exportacións acumulan unha caída similar; o investimento retrocede un 6%, e a taxa de desemprego sitúase en torno ao 16%.

Estas dramáticas cifras son suficientemente representativas das grandes dificultades que están a afrontar as empresas en xeral, e as familiares en particular. Sen embargo, a empresa familiar presenta unha serie de características, derivadas do seu sentido de permanencia e visión a largo prazo, que poden considerarse vantaxes competitivas en épocas de crise.

En relación ao papel que xogarán as empresas familiares no futuro, a importancia da empresa familiar para a economía de Galicia é unha realidade indiscutible e así o demostran todos os indicadores económicos e sociais existentes. Se revisamos a caída das taxas interanuais do PIB en Galicia foi do 6,4%, mentres que a media de España sitúasenun 9,1%, o que é claramente representativo do papel que está xogando a empresa familiar nesta crise. Non podemos esquecer que o 93% do tecido empresarial galego está constituído por empresas familiares, que aportan arredor do 85% del Valor Engadido Bruto e xeran en torno a un 86% do emprego.

Que características propias das empresas familiares cre que son un factor positivo para a economía?

Entre elas, podemos destacar o compromiso e dedicación, que se manifesta, sobre todo, nunha gran responsabilidade familiar en común, tanto coa empresa en sí como cos traballadores, provedores, territorio, etc. Outro importante factor determinante en situacións de incertidume é a flexibilidade, que permite unha gran capacidade de adaptación ás necesidades de cambio, tanto interno como externo. Esta, ademais, vese favorecida pola rapidez na toma de decisións, outra característica salientable nas empresas familiares.

A idea de permanencia da empresa entre as xeracións da familia tamén lle outorga unha visión de longo prazo, moi importante para a planificación da actividade empresarial. Ademais, a cultura estable nos sistemas de traballo e as normas de comportamento xeran estruturas sólidas e confianza nos mercados nos que operan. Quero mencionar tamén a maior prudencia financeira en canto a niveis de endebedamento externo, situación favorable en épocas de crise.

A evidencia existente en Galicia mostra que as empresas familiares intentaron evitar os ERTE sempre que as súas condicións llo permitiron. A empresa familiar caracterízase por ter entre as súas prioridades a conservación e protección dos postos de traballo, especialmente en tempos de crise. Neste sentido, as empresas familiares, que ademais son máis intensivas en forza de traballo, reorganizaron funcións, horarios laborais, dedicacións, etc. para intentar conservar a actividade dos seus traballadores. Tamén se realizaron procesos de transformación acelerados como a adaptación das instalacións e os recursos ao teletraballo, o que permitiu que parte dos equipos das empresas continuaran realizando a súa actividade.

As empresas familiares capean mellor os tempos de crise?

A crise anterior xa amosou o gran compromiso das empresas familiares co emprego, xa que, a pesar do deterioro sufrido nos seus ingresos, mantiveron os postos de traballo. As empresas familiares non só xeraron máis emprego para un mesmo nivel de facturación, senón que durante os anos 2007 a 2013 reforzaron este compromiso, aumentando a creación de postos de traballo, fronte ás empresas non familiares, que melloraron a súa produtividade a costa do emprego.

Non hai dúbida, polo tanto, de que as empresas familiares galegas xogan un papel fundamental como motor de recuperación económica, cun gran peso específico, gran capacidade para adaptarse ás condicións e a súa grande aportación ao emprego, e polo tanto, ao densenvolvemento endóxeno da economía galega.