A facultade de Economía da UDC abre o curso co foco na empresa familiar

A facultade de Economía da UDC abre o curso co foco na empresa familiar

27.09.2022. Víctor Nogueira, presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, protagonizou a conferencia inaugural do curso 2022-23 da Facultade de Economía i Empresa da Universidade da Coruña (UDC). Nogueira explicoulles aos estudantes a importancia das empresas familiares no desenvolvemento económico de Galicia e resumiu as claves e desafíos da economía galega dende a visión das empresas con sede e base operativa en Galicia.

O acto inaugural contou coa asistencia de 150 alumnos e alumnas, profesores e representantes da Universidade, entre os que se atopaban o vicereitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya; o decano da facultade de Economía e Empresa, Manuel Gómez; e a directora da Cátedra da Empresa Familiar na UDC, Berta Rivera.

“As empresas familiares somos microempresas, pequenas empresas, medianas e grandes que xeramos o 86% do emprego privado de Galicia (390.000 empregos) e o 85% da riqueza do sector privado”, expuso o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar.

Victor Nogueira describiu a importancia da colaboración entre universidades e empresas para fomentar as vocacións e incentivar o emprendemento, como unha oportunidade laboral e profesional diferente á busca de emprego. “Para unha empresa familiar que busque a perdurabilidade no tempo, é máis importante formar accionistas entre os seus herdeiros que formar directivos”, subliñou Nogueira.

O presidente da Asociación que reúne ás principais empresas con sede en Galicia analizou a importancia da captación de investimento e talento internacional para acadar un maior desenvolvemento económico e demográfico da comunidade. Un estudio elaborado pola Asociación Galega da Empresa Familiar revela que Galicia só ten captado no que vai de século (2000-2022) un 0,8% do investimento estranxeiro directo en empresas que entrou en España.

As empresas familiares galegas, pola contra, si teñen feito o seu labor de internacionalización, cun investimento en países estranxeiros cinco veces maior. Segundo o estudo, as compañías galegas forneceron no que vai de século a súa estrutura, tamaño e internacionalización, cun investimento de 24.434 millóns de euros no estranxeiro (no período 2000-22), fronte a entrada de investimento estranxeiro en empresas galegas de só 5.139 millóns no mesmo período.

Nogueira explicou, que nun contexto de competencia fiscal entre países e tamén entre autonomías, “unha das ferramentas para conseguir reter e atraer investimento empresarial é a competitividade fiscal”.

A Cátedra da Empresa Familiar da Universidade da Coruña naceu en 2005 mediante un convenio de colaboración entre a Universidade e o Instituto de Empresa Familiar, co patrocinio de Inditex e a Asociación Galega da Empresa Familiar. Este convenio recoñecía a especial significación e a importancia estratéxica da empresa familiar para a economía e a sociedade española, e de maneira particular, de Galicia.