23 de xullo de 2021. César García Novoa, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Santiago de Compostela (USC), destacou a importancia de abordar os retos fiscais das empresas familiares tras o impacto da Covid-19. “A fiscalidade é de enorme importancia para a empresa familiar. Por iso hoxe contamos con expertos de primeiro nivel en materia de tributación nas compañías de propiedade familiar”, sinalou durante a inauguración do seminario Cuestións fiscais actuais da empresa familiar, organizado pola Cátedra de Empresa Familiar da USC, Red Empresa y Administración e o Grupo de Investigación Valoración Financiera Aplicada.
Durante a súa poñencia sobre beneficios fiscais para a transmisión mortis causa e os pactos sucesorios, García Novoa salientou a importancia de aplicar medidas administrativas para reducir a carga fiscal ás empresas familiares. “Débese intentar promover a transmisión da empresa familiar interxeracional e que a carga fiscal non frustre a continuidade da empresa”, explicou.
O seminario contou tamén coa intervención do catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Barcelona Luis Manuel Alonso González, quen abordou o novo regulamento do comercio electrónico no IVE; a catedrática do mesmo ramo da Universidade de Salamanca Ángeles García Frías, quen analizou o efecto do imposto municipal de plusvalías na empresa familiar; Domingo García Núñez, profesor da materia na Universidade de Valencia, que repasou as recentes reformas en materia concursal en relación co crédito tributario; e Francisco J. Magraner, catedrático do ramo da Universidade de Valencia, que destacou a tributación como un dos temas importantes da planificación da sucesión e analizou a lexislación estatal do IRPF e do imposto de sucesións e doazóns, sinalando que as comunidades autónomas tiveron a opción de regular ou de mellorar os beneficios fiscais de sucesións, pero algunhas introduciron requisitos que, en ocasións, restrinxiron a aplicación da redución estatal.
O seminario, o primeiro celebrado pola Cátedra de Empresa Familiar da USC, contou coa presenza da profesora Sonia Rodríguez Boente en representación da Facultade de Dereito da universidade, quen describiu á empresa familiar como “motor da economía e o emprego e un estabilizador en épocas de crise”.
Luis Otero, director da cátedra, agradeceu a participación de todos os poñentes e coorganizadores e avanzou que en setembro se celebrará un segundo seminario sobre valoración empresarial, ademais dun curso de 100 horas sobre xestión patrimonial e actividades de investigación, transferencia e prestación de servizos. “Queremos que a cátedra sexa un activo de valor para as empresas”, afirmou.