A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña (UDC) vén de ser renovada por catro anos máis. O reitor, Julio Abalde, asinou hoxe o convenio de renovación e actualización coa Asociación Galega de Empresa Familiar (Agef), o Instituto de Empresa Familiar e Inditex nun encontro coa directora da cátedra e profesora da área de Economía Aplicada da Facultade de Economía e Empresa, Berta Rivera, o presidente e a directora da asociación territorial, Víctor Nogueira e Margarita Hermo, e o secretario xeral e do consello da compañía téxtil, Antonio Abril.
Rivera presentou o plan de actuacións para os próximos catro anos no eido da docencia e a investigación e salientou o carácter multidisciplinar e intercampus das actividades programadas, proxectadas para levarse a cabo en diferentes facultades da UDC. A nova planificación inclúe a impartición das materias Economía e Xestión da Empresa Familiar no Grao en Empresariais e de Xestión da Empresa Familiar no Mestrado Universitario en Administración e Dirección de Empresas, ademais de outras actividades complementarias de formación. No ámbito da investigación, contémplase o desenvolvemento de estudos sobre a realidade das empresas familiares, tanto de orientación empresarial como puramente académica. A cátedra tamén leva a cabo a organización de xornadas, seminarios, cursos e conferencias con participación empresarial, institucional e de profesionais expertos en empresa familiar.
A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña, integrada na Rede de Cátedras da Empresa Familiar, foi creada no ano 2005 para reforzar a relación entre o mundo académico e empresarial, imprescindible para o desenvolvemento económico e social, e promover a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento sobre as empresas familiares e as distintas problemáticas que afectan á súa xestión e crecemento. En Galicia, as empresas familiares son o 92,4% do tecido empresarial e aportan máis do 86% do emprego privado e o 85% do valor engadido bruto empresarial (VAB), sendo tamén de propiedade familiar sete de cada dez das maiores compañías con sede en Galicia.