A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Inditex renovaron esta mañá o convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para seguir impulsando a Cátedra de Empresa Familiar desta institución académica durante o próximos catro anos.
No acto da firma de renovación participaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o presidente de AGEF, José Bernardo Silveira, e o secretario xeral e do Consello de Inditex, Javier Monteoliva.
“O 92,4% das empresas galegas son de orixe familiar e achegan en torno ao 85% do VAB empresarial de Galicia. Como motores da economía da rexión apostamos pola colaboración coa Universidade para achegar a empresa familiar e o emprendemento ás novas xeracións”, sinalou o presidente de AGEF.
Pola súa banda, o secretario xeral de Inditex engadiu que “a promoción da docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento é fundamental á hora de profundar nas características diferenciais das empresas familiares e a súa contribución ao progreso e prosperidade na nosa comunidade”.
A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo seguirá promovendo a visibilidade da empresa familiar na contorna académica, coa organización de actividades de formación, divulgación, transferencia e investigación, orientadas a fomentar o emprendemento entre os estudantes universitarios.
Dirixida desde este curso académico por Elena Rivo, a Cátedra creouse en 2005 para fomentar a docencia, a investigación e a difusión dos coñecementos no campo da empresa familiar, coa organización de distintas actividades educativas e foros de encontro entre académicos, empresarios e estudantes.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, destacou que para a institución académica esta cátedra é moi importante porque gran parte do tecido económico de Galicia susténtase na empresa familiar. “Na Universidade temos excelentes profesionais, así como algún máster moi específico que traballa con estes temas. Para nós é moi importante contar co apoio dos nosos compañeiros nesta aventura e cos retos de investigación que nos van a expor, que seguro van facer que a nosa sociedade sexa máis próspera”.
Pola súa banda, a nova directora da cátedra, Elena Rivo, agradeceu a confianza depositada polos socios para renovar a cátedra, “que permitirá dar un novo impulso non só á docencia, investigación e transferencia vinculada á empresa familiar, senón tamén xerar máis sinerxias co tecido empresarial galego”.
Sobre a Rede de Cátedras da Empresa Familiar en Galicia
As Cátedras da Empresa Familiar en Galicia, integradas na Rede de Cátedras de Empresa Familiar, están impulsadas polas universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, co apoio de AGEF, do Instituto da Empresa Familiar (IEF) e Inditex.
Na actualidade existen 38 cátedras de empresa familiar noutras tantas universidades públicas españolas, que desenvolven a súa actividade baixo a coordinación do IEF. Entre os seus obxectivos figuran a difusión, docencia e investigación da singularidade e retos das empresas familiares, segundo a súa relevancia económica, vinculación e compromiso coa contorna.
Pé de foto: de esquerda a dereita. José Bernardo Silveira, presidente de AGEF, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Javier Monteoliva, secretario xeral de Inditex.