A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Inditex renovaron o venres pasado o convenio de colaboración coa Universidade da Coruña para seguir impulsando a Cátedra de Empresa Familiar desta institución académica durante o próximos catro anos.
Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar o intercambio de coñecemento e experiencia no ámbito da docencia, investigación e transferencia vencelladas á empresa familiar.
O acordo foi subscrito polo reitor da UDC, Ricardo Cao Abad; o presidente da AGEF, José Bernardo Silveira Martín; e o secretario Xeral e do Consello de Inditex, Javier Monteoliva Díaz.
O reitor da UDC, Ricardo Cao amosou o seu agradecemento a AGEF e a Inditex e puxo de manifesto o compromiso da Universidade coa transferencia de coñecementos á sociedade. “Instrumentos como esta cátedra son claves para conseguir que esa transferencia se dirixa a resolver problemas reais do noso tecido produtivo”, sinalou.
José Bernardo Silveira resaltou o gran labor realizado pola cátedra. “Tras vinte anos de estreita colaboración, estamos felices de renovar, unha vez máis, o vínculo de AGEF coa Universidade da Coruña a través desta cátedra de empresa familiar, desde a que seguiremos impulsando a visibilidade das empresas familiares de Galicia e fomentando o emprendemento entre os estudantes universitarios. Quero, ademais, felicitar á profesora Berta Rivera polo seu magnífico labor na dirección da cátedra”.
Pola súa banda, Javier Monteoliva, secretario xeral de Inditex, engadiu “A nosa colaboración coa Cátedra da Empresa Familiar UDC é reflexo do firme compromiso de Inditex coa educación, e a súa capacidade de impulsar o desenvolvemento das empresas familiares no noso entorno”.
A Cátedra organizará baixo o seu paraugas diversas actividades enmarcadas en catro principais liñas de actuación: a formación, a investigación, a divulgación e a colaboración institucional. Entre as iniciativas previstas están a docencia en titulacións oficiais da Facultade de Economía e Empresa, a dirección de TFG e TFM relacionados coa Cátedra, a elaboración de obradoiros e conferencias ou a visita a empresas familiares.
No marco da investigación, levaranse a cabo traballos afondando nas liñas temáticas relacionadas, e fomentarase a participación en congresos e seminarios para presentar os traballos de investigación en curso.
A Cátedra Institucional da Empresa Familiar
A Cátedra Institucional da Empresa Familiar naceu no ano 2005, froito dun convenio de colaboración entre a UDC e o Instituto da Empresa Familiar, co patrocinio da antiga Caixanova, Inditex e a Asociación Galega da Empresa Familiar.
Foi impulsada co obxectivo de promover a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento sobre as características diferenciais das empresas familiares e os diversos problemas que afectan á súa xestión e crecemento.
Pé de foto: de dereita a esquerda, José Bernardo Silveira, presidente de AGEF; Ricardo Cao, reitor da UDC; e Javier Monteoliva, secretario de Inditex.