O presidente do Fórum Familiar da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e CEO do Grupo Terras Gauda, Antón Fonseca, impartiu esta semana unha conferencia sobre o relevo xeracional na empresa familiar, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, da Universidade de Vigo. A charla que levaba por título “Terras Gauda: un caso de éxito na transición xeral” formaba parte do programa de actividades da Cátedra de Empresa Familiar desta institución académica.
Durante a súa intervención, Antón Fonseca expuxo ao alumnado detalles sobre a actividade e traxectoria do grupo adegueiro Terras Gauda, así como aspectos clave na súa xestión como empresa familiar. A sesión tiña como obxectivo que o alumnado puidese coñecer como se organiza un proceso de substitución xeracional nunha empresa familiar, coa observación práctica dun caso de éxito real explicado por un dun dos seus protagonistas.
Asistiron ao acto Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense e encargado da presentación da charla, Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Elena Rivo, profesora do centro e directora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo.


