Elena Rivo, codirectora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, sinala que unha das funcións principais das cátedras é dar a coñecer aos alumnos que o carácter familiar é independente do tamaño dunha empresa e que depende de varios factores como a propiedade ou a xestión, así como das características diferenciadoras propias das compañías familiares. Explica que a pandemia vén de poñer en valor a implicación das familias empresarias no camiño da resolución da crise
As universidades tiveron que adaptarse en tempo récord ao impacto da crise do coronavirus. A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo vén de realizar moitas actividades de forma online. Como foi a experiencia?
A Cátedra tiña previsto organizar un workshop sobre sostibilidade, involucrando tanto a empresarios como académicos de forma presencial. Decidiu organizarse online no canto de anular a actividade. O resultado creo que foi positivo. Ao ser virtual, foi más fácil axustar axendas de poñentes.
Reconfigurado a organización, programáronse dous workshops. O primeiro contando coa colaboración de Agroamb (Lugo) e Grupo Cuevas (Ourense). No segundo workshop contamos coa participación das empresas Finsa e Hijos de Rivera. Todas expuxeron brevemente a súa historia empresarial, centrándose posteriormente en amosar as súas actividades vencelladas á economía circular.
Ao ser virtual puideron conectarse tanto alumnos da Universidade de Vigo, da Universidade da Coruña (grazas á colaboración de Berta Rivera, directora da cátedra da Coruña), así como empresarios interesados. Ademais, as sesións foron gravadas e publicadas na páxina web das cátedras quedando a disposición de todo o mundo. Evidentemente, botamos en falta poder organizar visitas a empresas que resultan moi enriquecedoras para o alumnado pero, en todo caso, o resultado foi moi positivo.
Que idea adoita ter o alumnado sobre o papel das empresas familiares antes de completar a súa formación na cátedra?
Asocian empresa familiar con pequena empresa. Explícaselles que o carácter familiar depende de quen ostenta a propiedade e o control da xestión da empresa, con independencia do tamaño. Sorpréndelles que empresas como Inditex, Hijos de Rivera, etc., sexan empresas familiares. Precisamente unha das funcións principais das cátedras é dar a coñecer este feito, así como as características diferenciadoras das empresas familiares. Colaborar, en certa medida, a poñer en valor a figura do empresario ou empresaria familiar, a súa contribución ao emprego e á economía e a súa responsabilidade social cara o seu entorno máis achegado.
Cre que é máis importante agora que antes ensinar sobre a importancia da empresa familiar en Galicia?
Tras a pandemia púxose en valor a colaboración das familias empresarias na resolución e na forma de paliar moitas consecuencias da crise xerada. Creo que se valorizou o concepto do empresariado. Esta percepción debería manterse no tempo, seguir amosando o risco no que incorren as familias empresarias coa súa actividade, así como a súa contribución filantrópica ao seu entorno máis próximo. Neste sentido, as actividades de achega do empresariado da Asociación Galega da Empresa Familiar aos colexios e á Universidade a través das cátedras é moi importante.
Ademais de ser co-directora da cátedra da UVigo, vostede forma parte dunha empresa familiar de referencia en Galicia como é Aceites Abril. Como foron estes meses desde o primeiro impacto da pandemia?
O sector agroalimentario atópase entre os menos impactados pola pandemia. É ilustrativo que fose o único sector que non viu minguar as súas exportacións mes a mes desde marzo de 2020. Non obstante, viuse seriamente prexudicada a canle HORECA, co peche de toda a hostalaría, o que afectou moito a empresas involucradas nesta canle. No caso de Aceites Abril, aproveitouse para facer labores de mantemento, para analizar posibles melloras e reforzar aínda máis a internacionalización da empresa, logrando o mantemento do emprego durante estes complicados meses. Tamén se intensificaron as axudas a diversas organizacións para paliar os efectos da pandemia.
Tras o impacto da pandemia, como ve o futuro das empresas familiares en Galicia a curto, medio e longo prazo?
As empresas familiares de varias xeracoóns xa viviron diversas etapas de crise. Moitos comentan que convivir coa crise é algo natural. A cultura do esforzo e a visión de futuro lévannas a seguir loitando pola súa supervivencia sen desánimo. En función do sector, algunhas sairán antes (ámbito agroalimentario), outras veranse mesmo máis reforzadas (ámbito biotecnolóxico) e outras terán que reestruturar as súas actividades, como as do ámbito téxtil.