Como economista e co-director da cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo (UVigo), Santiago Lago describe a aposta das empresas familiares de Galicia polas cátedras como unha contribución á expansión do coñecemento e a intelixencia, nunha comunidade onde o 92,4% das compañías son de propiedade familiar. Nestes tempos de pandemia, Lago destaca o papel estabilizador das empresas familiares e a necesidade de medidas de apoio administrativo diante da incerteza arredor dos fondos europeos
Como valoraría a importancia das cátedras de empresa familiar no tecido universitario galego?
Certamente, eu teño unha visión nesgada e de parte nisto, pero creo que as cátedras son unha aposta pola intelixencia e o coñecemento por parte das empresas familiares galegas. Se a Asociación Galega da Empresa Familiar é a solución cooperativa para facerse máis fortes e ter unha voz con máis sonoridade para reivindicar o seu traballo, as cátedras son un complemento lóxico e eficiente para acadar os obxectivos de que se coñeza o valor e a relevancia das empresas familiares galegas, os desafíos que teñen diante de si e as mellores solucións para elas.
De que maneira se adaptou a Universidade de Vigo, e máis concretamente a cátedra, ao impacto da pandemia nas universidades?
Intensificando moito o recurso ás TIC. A investigación trasladámola ao entorno Teams que nos proporciona a UVigo, as conferencias e cursos celebrámolas a través de Zoom e a docencia, combinando presencialidade nos meses nos que foi posible con e-mails e o “campus remoto” que, de novo, nos proporciona a UVigo.
A verdade é que a nosa universidade adaptouse rápido e ben. En tres meses avanzamos o que en tempos normais tardariamos 5 anos. Todas estas posibilidades e protocolos quedarán xa con nós para sempre.
Como economista e co-director da cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo (UVigo), como valora o impacto da crise do coronavirus nas empresas familiares galegas?
Falar de empresas galegas é falar, fundamentalmente, de empresas familiares. Polo tanto, a idea principal é que o impacto depende da rama produtiva na que se sitúe ela e os seus clientes. As restricións á mobilidade e a interacción social impostas para frear a pandemia converten en secundaria ou irrelevante a calidade e capacidade na xestión e nas estratexias empresariais. É unha sorte de lotaría negativa na que, desafortunadamente, as empresas galegas e españolas téñeno peor que as doutros países con máis capacidade fiscal para compensar o lucro cesante polo peche temporal e obrigatorio de negocios, ou a utilización parcial da capacidade instalada.
En positivo, o maior peso do sector agroalimentario (ao que lle está indo ben, en xeral) é un factor a salientar. Tamén, o feito de que a economía galega estará entre as catro economías rexionais españolas nas que o PIB caerá menos en 2020.
Vostede salienta o papel das empresas familiares como estabilizadoras da economía en xeral e do emprego en particular. Como se comportan estas compañías en tempos de crise?
En esencia, despiden menos, tardan máis en rescindir contratos laborais, aínda que iso supoña un custe nos beneficios. As relacións laborais non son iguais, existe un elemento de corresponsabilidade diferente e valioso. Iso fai tamén que, nas fases de expansión, as empresas familiares sexan máis prudentes nas contratacións, sobre todo nas indefinidas. Antes de incorporar novas persoas a esa relación especial, hai máis reflexión. Porén, é verdade é que, en xeral, este efecto é máis forte nas primeiras xeracións. A medida que pasa o tempo, algo desta filosofía se vai perdendo nunha parte das empresas.
O futuro económico de Galicia a curto prazo pasa polo factor estabilizador das empresas familiares, polos fondos europeos ou por unha conxunción de ambas cousas?
A incerteza sobre os segundos é notable. Non sabemos aínda que proporción dos fondos Next Generation EU chegará finalmente a Galicia e cando, que proxectos tractores serán apoiados… A resposta das empresas familiares é un factor máis seguro, que debe estar ben acompañado polas actuacións da Xunta de Galicia no uso das súas amplas competencias en materia económica e financeira.