1 de xuño de 2021. A codirectora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Elena Rivo, sinalou a importancia dos órganos de goberno das empresas familiares para fixar correctamente as cuestións que incumben á empresa e á familia na última sesión dos Martes de Consellos do Clube de Conselleiras da Asociación Galega da Empresa Familiar. “As decisións de familia deben tomarse en órganos específicos, e as empresariais, nos vencellados á empresa”, explicou Rivo.
Elena Rivo moderou unha charla do presidente de The Family Advisory Board, Manuel Bermejo, sobre os órganos de familia, quen tamén incidiu na importancia de contar con órganos de goberno específicos para distintos tipos de decisións co obxecto de “conversar e evitar posibles conflitos”.
Bermejo puxo en valor a figura dun conselleiro externo independente, “alguén que lle diga á familia o que ninguén se atreve a dicirlle, pero que claramente ten que escoitar”, e fixo fincapé en valores intrínsecos a esta figura, como a empatía, a experiencia, a lealdade e honestidade, o coraxe “para levar a contraria” ou a aportación de valor na consecución dos obxectivos da familia empresaria.
Máis alá das normativas implícitas na gobernabilidade na empresa familiar, Manuel Bermejo indicou que, “por riba de todo”, a gobernabilidade é “unha ferramenta de aportación de valor” para as empresas familiares en cuestións tan cruciais como a sucesión. “As compañías de familia que sobreviven son as que son capaces de xerar valor nas seguintes xeracións”, concluíu o experto.