As empresas familiares galegas representan o 86% do emprego privado e o 85% do valor engadido bruto empresarial (VEB) da comunidade, cun total de 370.910 postos de traballo e unha riqueza de 22.3oo millóns de euros, e son decisivas na recuperación económica. Os datos extráense do último informe da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef), que tamén revela que as súas preto de 60 empresas asociadas –as máis importantes de Galicia– duplicaron o aumento do PIB galego nos últimos 15 anos.
En épocas de crise económica, as compañías galegas de propiedade familiar –que representan o 92,4% do tecido empresarial de Galicia– son tamén un factor determinante para a recuperación: desde 2015, as empresas con sede en Galicia aumentaron o seu cardro de persoal nun 12%, un 2,3% anual, un punto por riba do crecemento do resto de empresas, que foi do 1,4%.
“As empresas familiares tamén destrúen moito menos emprego en ciclos de recesión”, sinala o coordinador das cátedras da Empresa Familiar nas tres universidades galegas, Santiago Lago. “No 2009, o peor ano da crise, constatamos que mentres as empresas non familiares perdían un 4,3% dos seus empregos, as familiares resistiron cunha perda do 1,1%”, engate Lago.