01.09.2022. As empresas familiares son máis eficientes que as non familiares. Esta é a conclusión da investigación de Nicolás Rodríguez, alumno do Máster en Dirección e Xestión Contable e Financeira da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no seu traballo de fin de mestrado: Eficiencia das empresas cotizadas en España. No estudo, Rodríguez observa unha mostra de empresas cotizadas no mercado español en 2020.
Rodríguez estuda a eficiencia das empresas cotizadas en España durante a pandemia, comparando a situación das compañías familiares daquelas que non o son. O traballo desenvólvese no marco da Cátedra de Empresa Familiar da USC.
Neste mesmo ámbito, en 2022 presentáronse dous traballos máis coa empresa familiar como protagonista: Propiedade familiar e o desempeño das empresas cotizadas españolas durante a pandemia da Covid-19 e Xestión do risco na empresa familiar, dos alumnos Iñaki Ocantos e Iago Sorribas, respectivamente. Ambos son estudantes tamén do Máster en Dirección e Xestión Contable e Financeira da USC.
A análise realizada por Iñaki Ocantos confirma que as empresas familiares presentan menor volatilidade durante as crises económicas. No seu proxecto Ocantos estuda o desempeño das empresas familiares en comparación ao resto de empresas cotizadas en España durante a recente crise xerada pola pandemia da Covid-19.
Iago Sorribas estuda os criterios ESG (Enviromental, Social e Governance nas súas siglas en inglés) en compañías familiares e non familiares. Estes indicadores fan referencia ao compromiso que as empresas teñen coa sostibilidade medioambiental, social e do bo goberno en compañías familiares e non familiares. Este estudo destaca que as empresas familiares amosan un maior compromiso ESG que as non familiares. Ademais, os datos mostran que as empresas cun índice ESG maior son máis rendibles, concluindo que a responsabilidad social empresarial é unha ferramenta para crear valor corporativo. No caso da empresa familiar, esta situación é máis notoria, pois aínda que a implementación supoña un custe extra, unha xestión eficaz dos seus recursos suporá unha vantaxe significativa que se transformará nunha mellor reputación e maiores beneficios. O estudo reflicte que o cumprimento dos criterios ESG non só trae beneficios para a empresa, se non tamén para a sociedade no seu conxunto. Dentro dos piares ESG, o ámbito medioambiental e laboral é o que ten un maior impacto na empresa.
Os resultados de Sorribas mostran que as empresas cun maior compromiso sostible non só obteñen mellores resultados de negocio, senón teñen tamén unha mellor visión de cara aos diferentes grupos de interese.