As empresas familiares son o 92% do tecido empresarial en Galicia

As empresas familiares son o 92% do tecido empresarial en Galicia

Cando se coñecen as cifras do impacto das empresas familiares no conxunto da economía entendemos por que é imprescindible facer un diagnóstico e analizar os retos de cara aos cambios futuros.

As empresas familiares en España representan o 89,9% do tecido empresarial privado, en Galicia esa cifra sube a un 92,4%.

No tocante ao emprego nas empresas familiares xeran o 67% do emprego privado en España. En Galicia supérase o 86%.

Finalmente, se temos en conta a aportación en valor engadido, en España falamos dun 57%, sendo Galicia a comunidade autónoma que xera o maior valor engadido bruto cun 85%. Estas cifras son as publicadas polo Instituto de Empresa Familiar correspondentes ao 2017.

Unha vintena de expertos reuníronse na Facultade de Economía e Empresa no campus de Ourense da Universidade de Vigo os días 13 e 14 de xuño de 2019 para realizar un workshop sobre a realidade que viven estas empresas, suxeitas a particularidades como a renovación xeracional ou os elementos sentimentais ou emotivos que escapan aos balances contables.

Chegados do País Vasco, de Extremadura, de Andalucía e Canarias, pero tamén de fóra de España como Mattias Nordqvist, considerado un dos máximos especialistas nesta área. De Galicia, participaron neste workshop expertos galegos das tres universidades.

Os profesores Elena Rivo, Santiago Lago e Katiuska Cabrera Suárez foron os responsables do comité organizador que ven de situar por segundo ano a Cátedra da Empresa Familiar da Universidade de Vigo no campus de Ourense como un evento de referencia no ámbito da análise para a evolución do modelo da empresa familiar.

Durante as dúas intensas xornadas os expertos discutiron sobre asuntos como a rendibilidade das empresas familiares, a xestión do risco, a incertidume ou as condicións do cambio xeracional, un dos aspectos máis característicos deste tipo de empresas.

Para Katiuska Cabrera Suárez, doutora en Ciencias Económicas da Universidade de Las Palmas de Gran Canarias, as empresas familiares “poden ser unha palanca ou un freo para o crecemento” e o gran desafío actual é a capacidade que teña a familia para adaptarse aos cambios.

O experto Mattias Nordqvist, profesor na Jonkoping International Business School en Suecia considera que a empresa familiar non está condicionada polo tamaño. De feito, cita como exemplo a Inditex como unha das empresas familiares máis grandes do mundo.

O experto escandinavo valorou como positiva a saúde da empresa familiar en Europa, malia que recoñece que para as que se atopan nas periferias das grandes cidades a situación é máis complicada.

Elena Rivo, subdirectora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo e membro do comité organizador afirmou que “as empresas familiares son o motor da economía en Galicia, por iso é importante reunir a expertos nacionais e internacionais para debater sobre a súa xestión e ampliar o coñecemento na materia”.