2 de marzo de 2021. A directora da cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña (UDC), Berta Rivera, participou hoxe no coloquio dixital Family Office, patrimonio familiar vs. patrimonio e proxecto empresarial, organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e a consultora Deloitte, onde salientou a importancia da investigación académica no eido da empresa familiar e, en concreto, nesta plataforma de investimento que cada vez gaña máis peso en Galicia.
“Aínda que no ámbito científico non hai un apartado específico sobre a family office (atópase dentro da área de goberno corporativo), o interese por este termo vén de aumentar moito. Se observamos a evolución do seu uso nas principais publicacións de negocios na última década, vemos unha clara tendencia crecente no tempo: de 1 cita en 2013 a 15 en 2020, e neste 2021 xa van 4. Están a abrirse liñas de investigación moi interesantes para seguir avanzando nesta temática”, explicou Rivera.
Sobre as motivacións que levan a unha familia empresaria a contar coas oficinas familiares, a directora da cátedra de Empresa Familiar da UDC sinalou que, ademais da puramente económica, existe unha razón máis relacionada coa incoporación de valores, intereses e principios familiares que se enmarcan na aliñación estratéxica, e tamén para fomentar a cohesión familiar e sucesoria. “As family offices desempeñan un papel fundamental no mantemento da misión e da identidade familiar e, polo tanto, facilitan a transmisión interxeracional da empresa familiar”, explicou, e engadiu que son tamén “un xeito de emprendemento familiar, xa que serven para financiar actividades emprendedoras”.
Rivera participou no coloquio xunto co responsable de Empresa Familiar de Deloitte España, Fernando Vázquez, quen afirmou que Galicia é a segunda comunidade española con maior proporción de family offices (o 15%) e conta con algunhas das máis importantes a nivel mundial; e con Alejandro Ormazábal, vicepresidente da empresa do País Vasco Velatia (Grupo Ormazábal), que incorporou a súa propia family office en 2008.