Camen Lence, CEO do Grupo Lence, imparte unha conferencia da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo sobre substitución xeracional e cambio organizativo

Camen Lence, CEO do Grupo Lence, imparte unha conferencia da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo sobre substitución xeracional e cambio organizativo

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu o pasado 10 de decembro unha conferencia da socia e CEO da compañía láctea Grupo Lence, Carmen Lence, sobre substitución xeracional e cambio organizativo, promovida pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo.

Tras ser presentada por Elena Rivo, directora da Cátedra, Carmen Lence compartiu cos alumnos e asistentes a súa propia experiencia como sucesora dunha compañía familiar,  ata entón moi personalista. O grupo naceu como resultado dun primeiro fracaso empresarial do seu pai, Jesús Lence, quen chegou ao sector, como el mesmo dicía, “por unha casualidade do leite” -explicou a súa filla -.  Ao bordo da quebra aceptou como pago dun cliente tres camións cisterna para transportar leite que supuxeron o inicio da súa nova aventura empresarial e o seu maior éxito, froito de vivir os valores da coraxe, persistencia, iniciativa e colaboración.

Carmen Lence, que desenvolvía a súa actividade profesional no estranxeiro, regresou a España, por petición do seu pai, para ocuparse da substitución xeracional do grupo, converténdose na primeira muller CEO do sector. Os cambios organizativos planificados desde entón conseguiron duplicar a facturación do Grupo Lence en apenas cinco anos, ata os 260 M€, pola vía da innovación e polo seu espírito de supervivencia como empresa familiar 100% galega nunha contorna dominada por grandes multinacionais. Na actualidade, Lence é o único grupo galego entre os tres que máis leite recolle en Galicia –só traballa con gandeiros da rexión- e figura entre as oito primeiras lácteas que operan en España.

Titular de marcas  de valor engadido (Río de Galicia e Leyma Natura) e de primeiro prezo (Solar, Cremosita ou Galega, entre outras), o grupo está comprometido coa economía galega, as comunidades locais e o emprego de calidade, fomentando o desenvolvemento rural desde a sustentabilidade, o respecto polo medioambiente e a igualdade de oportunidades,  cun apoio especial á muller do ámbito rural.