17 de Janeiro de 2021. Un total de catorce alumnos, profesionais e directivos inscritos inician hoxe o Curso de Perfeccionamento na Xestión Patrimonial da Empresa Familiar da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Santiago de Compostela (USC). As clases en directo, en formato online, poden seguirse os mércores de 16 a 21 horas, aínda que o alumnado tamén pode visualizalas de xeito asíncrono.
O curso, que se prolongará ata abril, abordará aspectos de fundamental relevancia no campo das empresas familiares galegas, como a gobernabilidade e a xestión, a planificación e a xestión do patrimonio, a xestión do risco ou a fiscalidade. Conta coa dirección de Luis Otero, director da cátedra, a co-dirección de Pablo Durán e a coordinación académica da subdirectora da cátedra, Celia López Penabad.
A Cátedra de Empresa Familiar da USC busca, mediante este curso, achegar o alumnado ás características das empresas familiares, pasando polo coñecemento das súas estruturas societarias, a xestión da sucesión ou a elaboración de protocolos familiares. As alumnas e alumnos adquirirán competencias sobre xestión patrimonial da empresa familiar, así como as súas alternativas de investimento, o deseño dunha carteira ante un perfil de risco ou os diferentes métodos de valoración de empresas. O curso tamén inclúe un módulo específico para a implantación de sistemas de xestión do risco nas empresas.