24/10/2022. Iñaki Ocantos e Nicolás Rodríguez son dous alumnos de Máster da Universidade de Santiago de Compostela. Ambos, ante o interese despertado nas aulas do máster pola empresa familiar decidiron realizar os seus estudos de final de máster sobre a súa situación na actualidade. Os traballos Propiedade familiar e o desempeño das empresas cotizadas españolas durante a pandemia do Covid-19, e Eficiencia das empresas cotizadas en España foron respectivamente os resultados das súas análises.
“Debería prestárselles máis atención ás empresas familiares. Representan o 80% do tecido empresarial. Non te dás conta do importante que son ata que ves os números e o que representan” explica Iñaki.
“Comezamos analizando a literatura sobre o tema, especialmente un estudo da Universidade de Milán que analizaba os rendementos das empresas familiares” conta Iñaki. “O máis duro foi a confección da base de datos. Tivemos que meter os datos a man, pero logo foi moi fácil o poder establecer comparacións algorítmicas para sacar conclusións”, explica Nicolás Rodríguez.
“A maior parte das empresas crecen como familiares. Darlles visibilidade é importante, especialmente na recesión que estamos”, coincide Rodríguez.
“Cando salgues ao mundo laboral, non tes tantas facilidades para crear unha empresa, pero coñecelas desde dentro, aínda que sexa no mundo académico e logo adquirir experiencia, axuda a que logo poida ser máis sinxelo” explica Nicolás.
Despois de realizar as súas análises, ambos senten un pouco máis preto das empresas familiares. “A familia da miña noiva ten un estudo de baile e agora estou sempre pendente de como xestionan o negocio e vexo de primeira man o esforzo que require. Paréceme moi interesante”, confesa Iñaki.
Tras a súa formación, Iñaki e Nicolás están a comezar a súa andaina no ámbito profesional. Iñaki na área de xestión de riscos dunha consultoría malagueña e Nicolás no departamento de axudas Next Generation de Abanca.