Luis Otero, novo director da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Santiago de Compostela, destaca a importancia de formar o alumnado no eido específico das empresas familiares. “É moi probable que os alumnos acaben traballando nunha empresa familiar, xa que estas xeran o 86% do emprego en Galicia”, sinala. No eido económico, Otero salienta que a estratexia de recuperación tras a pandemia debe focalizarse no tecido empresarial autóctono e familiar; no académico, insta a colaborar tamén coa formación dual no ámbito universitario.
Por que é importante achegar a empresa familiar ás universidades galegas?
As empresas familiares galegas son os principais actores do tecido empresarial de Galicia e existen numerosos casos de éxito que deben darse a coñecer no eido académico. Ao mesmo tempo, a aproximación de ambas institucións pode favorecer a transferencia de coñecemento e a aprendizaxe mutua, así como o desenvolvemento de proxectos de I+D conxuntos que melloren a competitividade das empresas. Tamén é necesario estreitar a colaboración en materia de inserción laboral e retención do talento que sae das nosas universidades e evitar, deste xeito, a fuga de recursos valiosos.
Que ofrece a cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Santiago de Compostela ao alumnado?
As accións máis inmediatas consisten en deseñar programas formativos, como o Curso de Xestión Patrimonial da Empresa Familiar que, con formato online, se ofrecerá tanto a alumnos como profesionais a partir do mes de novembro; así como os seminarios específicos de fiscalidade ou de valoración de empresas. Tamén se incorporarán, nos programas de diversas materias dos graos de ADE e Dereito, temarios específicos sobre empresa familiar que aborden cuestións organizativas, legais, fiscais ou financeiras.
É moi probable que os alumnos acaben traballando nunha empresa familiar, xa que estas xeran o 86% do emprego en Galicia. De aí a necesidade de proporcionar esa formación específica aos nosos titulados. Tamén se fomentará a participación de directivos, para que transmitan os seus coñecementos e experiencias a través de conferencias, e as visitas a empresas, para coñecer de preto a realidade de moitas organizacións que son referentes nacionais e internacionais. Tamén queremos aproveitar para dirixir a investigación realizada por estudantes de grao e posgrao cara temas de interese para a empresa familiar.
Como valora o apoio da Asociación Galega da Empresa Familiar e Inditex?
Penso que é unha grande iniciativa que xorde polo interese das propias empresas por achegarse á universidade e que permite explotar sinerxías entre o mundo empresarial e universitario. A cátedra xera un beneficio mutuo e facilita a transferencia de coñecemento entre ambas institucións.
A participación de empresarios pode ser moi útil para transmitir a súa experiencia aos titulados universitarios, mentres que a universidade pode estudar, reflexionar e xerar coñecemento que permita mellorar a xestión e a competitividade das empresas familiares. Dispoñer, ademais, como patrocinador, do meirande exemplo de éxito empresarial da historia de Galicia, incrementa, se cabe, o prestixio da cátedra e permite orientar a actividade cara aqueles temas que máis interesan ao sector empresarial.
As empresas familiares galegas seguirán liderando a creación de emprego no futuro?
A creación de emprego está moi ligada ao ciclo económico e aos sectores que experimentarán unha maior expansión, nun contexto dominado pola tecnoloxía e a sustentabilidade. As empresas familiares galegas actúan en todos os sectores de actividade e teñen plans de crecemento que, sen ningunha dúbida, se traducirán na creación de valor e, por suposto, de emprego.
Porén, a automatización e a dixitalización suporá un reto e un cambio importante no tipo de profesionais que se precisan. Será necesario levar a cabo plans formativos que permitan recualificar a moitos traballadores. Ademais, as universidades deberán formar aos novos perfís do futuro e a formación dual no eido universitario tamén debe estar na axenda de empresas e institucións académicas.
Pensa que as empresas familiares serán un motor principal da recuperación económica de Galicia tras a pandemia?
As empresas familiares son o 92,4% do tecido empresarial en Galicia, aportan o 85% da riqueza ou valor engadido bruto empresarial (VEB) e o 86% do emprego directo de Galicia. O seu compromiso co territorio e a súa vontade de continuidade son elementos diferenzadores que axudan a mellorar a resiliencia do sector empresarial. Son moitas as empresas incluídas neses datos macro que amosaron un grande interese por desenvolver novos proxectos no marco dos fondos vencellados ao Green Deal e Next Generation.
Galicia ten unha oportunidade única de fortalecer a diversificación do seu sector empresarial, apostando por proxectos tecnolóxicos de valor engadido e polo impulso das enerxías renovables, da biotecnoloxía, da eficiencia enerxética e do transporte sustentable, sen esquecer tamén a modernización dos sectores tradicionais. A rexión máis verde de España ten que ser tamén un exemplo de sustentabilidade e de economía verde, algo polo que están apostando e apostarán as empresas familiares.
Que apoios precisan as empresas familiares galegas para superar o impacto da Covid-19 e para propiciar un crecemento sustentable?
Os principais apoios chegaron en forma de ERTEs e préstamos ICO e agora é preciso que estes se manteñan e flexibilicen en función das circunstancias particulares de cada empresa. Ademais, a estratexia de recuperación debe descansar sobre a base empresarial autóctona, para así lograr que as empresas teñan un maior tamaño e tamén un compromiso a longo prazo, revertendo a riqueza xerada no propio territorio. Neste sentido, é desexable que os proxectos e as axudas públicas recaian en boa parte en empresas autóctonas e familiares comprometidas con Galicia.