“Emociónanos ser parte da recuperación do oliveiral galego”

“Emociónanos ser parte da recuperación do oliveiral galego”

19 de outubro de 2021. Elena Pérez Canal, conselleira de Aceites Abril e responsable do departamento de márketing da aceiteira ourensana, transmitiu a satisfacción da familia empresaria por ter comezado a cultivar oliveira en Galicia hai unha década como parte da súa estratexia de expansión e diversificación de negocio. “Emociónanos ser parte da recuperación do oliveiral galego”, sinalou a empresaria ante o alumnado na primeira sesión do ciclo de conferencias deste curso da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, no campus de Ourense. “Comezamos en 1962 sendo produtores e envasadores. Dende hai 12 annos tamén refinamos, e dende hai 10 cultivamos. Imos ampliando a nosa cadea de valor”, explicou a directiva de Abril.

A compañía, fundada hai sesenta años polo seu avó, Manuel Pérez Delgado, conta hoxe cunha capacidade de produción de 25 millóns de toneladas, 2 plantas de refinado e 11 liñas de envasado. Aceites Abril está presente en 60 países dos 5 continentes, cun 20% da súa facturación procedente do mercado internacional. “Dádelles duro aos idiomas. Son imprescindibles na contorna laboral”, aconsellou a empresaria ás alumnas e alumnos da cátedra.

Pérez Canal destacou o compromiso coa sociedade das empresas galegas de propiedade familiar e, en concreto, de Aceites Abril, non só coa vontade de recuperar as oliveiras en Galicia, senón tamén de fixar poboación no rural xerando postos de traballo e a través da colaboración co deporte. A empresa ourensana patrocina a 80 equipos de fútbol, baloncesto ou vela na comunidade galega. “Uns 7.000 nenos e nenas xogan coa camisola de Aceites Abril”, explicou Elena Pérez Canal.

A conselleira de Abril salientou a calidade do seu produto, precisando que o proceso comeza coa “selección do mellor froito da terra, cos mellores atributos de aroma e sabor, e a confianza dos fogares”. Elena Pérez Canal indicoou que a súa marca logrou expandirse, a través das cadeas galegas de distribución, en Madrid ou Castela e León. Hai dous anos, Aceites Abril converteuse na marca líder en venda de aceite do noroeste peninsular.

A codirectora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Elena Rivo, e a directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, Margarita Hermo, acompañaron a Elena Pérez Canal na inauguración do curso universitario. Rivo e Hermo puxeron en valor o labor de Aceites Abril, remarcando o compromiso co territorio e a sociedade desta empresa familiar galega, que mantivo o 100% dos postos de traballo tras o impacto da Covid-19 e reforzou a súa colaboración coas entidades sociais.