15 de setembro de 2021. Santiago Lago, co-director da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, incidiu na necesidade de impulsar un estudo oficial para medir a economía mergullada en España durante un coloquio do Instituto de Empresa Familiar (IEF) co profesor do departamento de Economía Aplicada, Pública e Política da Universidade Complutense de Madrid Jorge Onrubia e o exministro de Facenda Cristóbal Montoro. “Hai que institucionalizar o estudo da economía mergullada. Os universitarios fixémolo con precariedade de medios e coa mellor das intencións, pero, igual que se fixo para a estimación de balanzas fiscais, a economía mergullada e a fraude son igual de importantes”, sinalou.
Durante o coloquio, moderado polo director xeral executivo do IEF, José Luis Blanco, Lago matizou que a percepción dos españois sobre a economía mergullada “é peor do que é en realidade”, e explicou que en España “situaríamonos por debaixo do 20% do PIB. “Estamos na media da Unión Europea dos 27. A maior parte da xente cumpre e traballa na economía non mergullada”, engadiu. Jorge Onrubia, pola súa parte, explicou que Galicia “puntúa moi ben, con todas as cautelas das cifras, por debaixo do 14%” de economía irregular sobre o PIB fronte a outras comunidades con distintos modelos sectoriais, máis enfocados en actividades que poden rexistrar unha menor regulación, como o turismo.
Como receitas contra a economía irregular e a fraude fiscal, Lago, Montoro e Onrubia incidiron en investir máis na dixitalización de empresas e a administración tributaria, simplificar os tributos ou favorecer unha mellor fiscalidade para contribuír a unha mellora da nosa economía, que interpretan como unha barreira para as irregularidades.
O codirector da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo destacou, ademais, o tamaño empresarial como vantaxe contra a economía mergullada, argumentando que as grandes compañías “están máis supervisadas”. “A economía mergullada vai en contra dunha economía avanzada e innovadora”, afirmou.
Lago coincidiu cos seus interlocutores na necesidade de “facer pedagoxía” para que os contribuíntes abonen os seus impostos voluntariamente, pero incidiu en “ser esixentes” co destino do diñeiro público para que os ciudadáns constaten “bos servizos coa súa contribución”, e afirmou que en España “lanzamos investimentos sen estudos previos sobre o sentido que teñen”. “Non só hai que apretar aos contribuíntes, senón tamén aos responsables públicos”, concluíu.