Hijos de Rivera e Finsa: dúas apostas pola sostibilidade

Hijos de Rivera e Finsa: dúas apostas pola sostibilidade

A segunda xornada do ciclo de conferencias Empresa familiar e sostibilidade da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo tivo como protagonistas as empresas familiares Hijos de Rivera e Finsa, dúas compañías paradigmáticas na aplicación da economía circular e a sostibilidade. Jorge Montero, director de estratexia do grupo Hijos de Rivera, foi o encargado de inaugurar a xornada compartindo os valores da compañía, moi aliñados na vía da sostibilidade. Patricia López e Javier Portela, directores de R&D e calidade de Finsa, respectivamente, explicaron que levan traballando na economía circular e sostibilidade dende 2005.

Montero destacou a artesanía como o piar fundamental de Estrella Galicia, semente da que nace un concepto propio que vai un paso máis alá, o ‘impacto positivo’: a aposta por que todo o modelo de negocio teña un impacto real e beneficioso no entorno durante toda a cadea de valor, desde o aprovisionamento ata a comercialización. “Fomentamos este ‘impacto positivo’ traballando con provedores responsables, favorecendo a economía local do noso entorno e impulsando na medida que é posible a agricultura sostible, por exemplo, contando cos nosos propios campos de lúpulo”, explicou.

No ámbito da fabricación, o director de estratexia de Hijos de Rivera salientou que a empresa traballa en fomentar aspectos como a enerxía limpa, e no ámbito da loxística, un transporte eficiente e coas mínimas emisións. “En canto á xestión, velamos polo benestar dos nosos traballadores, fomentando a igualdade, o i+D+I e o crecemento responsable. E desde o punto de vista do márketing e no ámbito da comercialización, apoiamos o uso de envases circulares e reciclables e outras iniciativas como locais sostibles e eco”, sinalou Montero.

No caso de Finsa, Patricia López e Javier Portela destacaron que o propio produto, a madeira, cunha xestión forestal adecuada é un produto totalmente sostible, mais a compañía atópase en constante actualización, agora mesmo a través do desenvolvemento da madeira como materia prima na construción, intentando modificar o seu uso para xerar produtos de maior valor engadido. “A enerxía que se emprega da utilización da madeira fronte o formigón é 24 veces menor, e as emisións de gases de efecto invernadoiro redúcense á metade. Como fabricantes de materiais podemos deseñar os materiais de xeito que os edificios teñan certificacións de sostibilidade, e nesa liña estamos a traballar”, explicou López.

A filosofía da compañía madereira é apostar por produtos de alta calidade e durabilidade, coa intención de recuperar e renovar o seu uso, ao ser materiais de alto valor engadido, apostando tamén pola reciclaxe da madeira. “En Finsa temos moita facilidade para traballar na sostibilidade porque o noso produto xa é sostible en si mesmo. Se facemos as cousas ben, conseguiremos que se peche o círculo”, sinalou Portela.

O segundo workshop de Empresa familiar e sostibilidade foi introducido pola codirectora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Elena Rivo, e contou coa participación da directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, Margarita Hermo, e de Miguel Rodríguez, profesor de Economía Aplicada da universidade e responsable do plan de economía circular de Galicia, como poñentes, destacando ambos a necesidade de poñer en valor as accións que xa están a aplicar as empresas familiares para ser máis sostibles e circulares, aínda que moitas veces respondan a unha primeira motivación de ser máis competitivas.

Accede aquí aos vídeos dos workshops sesión Políticas para impulsar unha economía circular