O pasado 9 de decembro, Isabel Pérez Martínez, conselleira e directora de Asuntos Corporativos do grupo empresarial de automoción Pérez Rumbao, impartiu unha conferencia na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, da Universidade de Vigo, como antesala da entrega de premios TFG a alumnos desta institución.
A conferencia, co título “De xeración en xeración: como goberna o seu futuro Pérez Rumbao” foi organizada pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, que dirixe Elena Rivo, co apoio de AGEF.
Durante a charla, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer a actividade deste grupo empresarial, integrado por máis de 50 compañías, 30 marcas, 1.900 profesionais e 60 talleres en Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal. Pérez Rumbao conta con máis dun século de historia no sector da automoción e “aspira a converterse na empresa referente no ámbito da mobilidade sostible do norte de España”, destacou Isabel Pérez Martínez durante a súa intervención.
Tras o relatorio, celebrouse o acto de entrega dos Premios TFG José Manuel Pérez Canle 2025 aos mellores traballos fin de grao do alumnado das titulacións de Turismo e Administración e Dirección de Empresas desta facultade ourensá. Ao acto asistiron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, entre outras autoridades.


