3 xaneiro 2020. Unha das variables que permiten analizar as diferenzas entre empresas familiares e non familiares é o seu comportamento á hora de financiar os seus proxectos de investimento. A estrutura financeira dunha empresa está composta de dous elementos: o financiamento propio, é dicir recursos da empresa, e o financiamento de terceiros, que representa a débeda da compañía diante das entidades financeiras.
A análise realizada polo investigador Alejandro Domínguez, baixo a supervisión de Elena Rivo e Santiago Lago, responsables da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, demostra que as empresas familiares adoitan caracterizarse por contar coun maior nivel de financiamento propio que as non familiares e que esta característica vén de determinar o seu comportamento diante da crise e a recuperación económica.
O estudo realizado en torno á década 2007 e 2017 recolle o comportamento das 100 maiores empresas familiares galegas e as 100 máis grandes non familiares e analiza a evolución da ratio de débeda con entidades de crédito entre activo total. Esta ratio permite coñecer o nivel de risco que asume cada tipo de compañía. As familiares presentan, de media, maior prudencia á hora de endebedarse e polo tanto o seu balance é, tamén, máis conservador que o das non familiares, máis propensas a recorrer ao endebedamento externo.
O nivel de risco acentúase nos primeiros dous anos da crise (2007- 2008) nos que a media das empresas non familiares superaba o 30%, mentres que nas familiares non chegaba ao 25%. Estes datos revelan unha maior vulnerabilidade das empresas non familiares aos cambios de tipos e ás turbulencias financeiras do momento.
A crise obrigou a moitas compañías a modificar a súa estrutura financeira, tanto a causa das dificultades para acceder ao crédito, como para aumentar a financiación a través de recursos propios e reducir así os niveis de risco e aumentar o control da empresa. Neste sentido o estudo permite unha observación no tempo da ratio da débeda que á súa vez posibilita a medición de risco que soporta a empresa e a capacidade desta a asumir o pago da súa débeda.