Luis Otero, nomeado director da Cátedra de Empresa Familiar da USC

Luis Otero, nomeado director da Cátedra de Empresa Familiar da USC

20 de maio de 2021. Luis Otero González, profesor do departamento de Economía Financeira e Contabilidade na Facultade de Ciencias Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), vén de ser nomeado novo director da Cátedra de Empresa Familiar da USC. Doutor en Ciencias Económicas e Empresariais, con premio extraordinario, e acreditado como catedrático da USC dende 2019, dirixe o grupo de Valoración Financeira Aplicada (VFA) da universidade, catalogado como grupo de referencia competitiva. As actividades da cátedra, baixo a dirección de Otero, darán comezo en outubro, co inicio do curso 2021-2022.

Con especialización en análise de risco e rendibilidade no ámbito financeiro (banca, seguros e fondos de inversión) e hoteleiro, Luis Otero explorou outras liñas como o aforro destinado á xubilación, o emprendemento e a creación de empresas de base tecnolóxica. Dirixiu un total de 12 teses e publicou 92 artigos, 10 libros e 18 capítulos, ademais de realizar máis dun cento de poñencias en congresos e participar en 17 proxectos a nivel nacional e internacional. Forma parte de diversas asociacións científicas e pertence ao comité científico de varias conferencias internacionais. O recoñecemento ao seu labor traduciuse na obtención de 10 premios de investigación.

No eido empresarial, dirixiu ou participou en 40 contratos con institucións ou empresas, varias delas familiares, coa elaboración de numerosos informes e estudos.

A cátedras de empresa familiar en Galicia

A incorporación de Otero á dirección da cátedra da USC completa o cadro directivo das cátedras de Empresa Familiar en Galicia, integrado por Berta Rivera (Universidade da Coruña), Santiago Lago e Elena Rivo (Universidade de Vigo).

As cátedras de empresa familiar das universidades galegas, impulsadas pola Asociación Galega da Empresa Familiar co apoio de Inditex, promoven a transferencia de coñecemento sobre as características propias e diferenciais das compañías familiares, establecendo sinerxias entre o mundo empresarial e o universitario, cunha rede propia de alumnos, empresarios, docentes e investigadores.

A Asociación Galega da Empresa Familiar está integrada polas 58 principais compañías con sede social e fiscal en Galicia, cunha facturación conxunta de 11.000 millóns de euros e 55.000 empregos directos.