María Álvarez, de dentsu X, explora na Facultade de Comercio de Vigo o impacto da Intelixencia Artificial no márketing empresarial

María Álvarez, de dentsu X, explora na Facultade de Comercio de Vigo o impacto da Intelixencia Artificial no márketing empresarial

A Facultade de Comercio de Vigo acolleu o pasado 25 de marzo unha conferencia de María Álvarez Gómez, directora xeral da axencia dentsu X, sobre o impacto da Intelixencia Artificial no Márketing Empresarial, promovida pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo. Á charla, presentada por José Bernardo Silveira, presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), asistiron ademais Elena Rivo, directora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, e Consolo Currás, decana da Facultade de Comercio de Vigo.

María Álvarez compartiu cos alumnos e asistentes o seu coñecemento e punto de vista sobre a Intelixencia Artificial, incluíndo a evolución desta tecnoloxía, desde os seus inicios en 1950 ata a actualidade. A directiva falou ademais da importancia do uso da IA nas empresas, destacando experiencias de marcas relevantes como Heineken ou a colaboración de EasyReading con Visit Portugal para que persoas con discapacidade intelectual tivesen a oportunidade de ler de forma dixital. Fixo fincapé ademais na IA como ferramenta e non como ameaza e en como pode ser de gran axuda para o márketing empresarial, pese ao “medo” que aínda segue xerando.

Aínda que o 47 % das persoas entusiásmanse pola IA no seu ámbito profesional, o 51 % móstranse preocupados por esta tecnoloxía pensando na sociedade, sinalou a directiva en base aos resultados dunha enquisa realizada recentemente para pescudar as diferenzas entre o profesional e o social no uso da IA.

Pé de foto: de esquerda a dereita, Elena Rivo, José Bernardo Silveira, María Álvarez Gómez e Consolo Currás.