María Montalvo: “A austeridade é un valor fundacional de Grupo Freire”

María Montalvo: “A austeridade é un valor fundacional de Grupo Freire”

30 de abril de 2021. María Montalvo Freire, conselleira de Freire Hermanos, empresa siderúrxica ferrolá tamén coñecida como Megasa, salientou onte a austeridade da compañía familiar en tempos de bonanza económica como un valor positivo para a súa estabilidade. “Mesmo cando o nivel de produción e venda de aceiro en todo o mundo creceu de maneira exponencial ao comezo do século, nós sempre intentamos manter unha política bastante conservadora porque o negocio non é para nós. A austeridade é un valor fundacional en Megasa, que nos permitiu non ter uns niveis de débeda moi elevados que poñan en risco a continuidade”, sinalou Montalvo no ciclo de conferencias da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña (UDC).

A conselleira de Freire Hermanos destacou o papel dos órganos de goberno das compañías familiares galegas para acadar “o obxectivo de continuidade e compromiso co territorio, focalizando o longo prazo para lograr a excelencia”, e salientou neste sentido a importancia de establecer “boas canles de comunicación na empresa”.

Moltalvo remarcou ao alumnado a relevancia de dous piares históricos de Megasa: preservar o espírito familiar, a través da boa gobernabilidade da empresa, e apostar pola formación e a profesionalización. “Os meus pais inculcáronnos que complementáramos a nosa formación saíndo ao exterior. A importancia da formación na familia vén do meu avó, Bartolomé Freire Lago, que montou unha escola en Narón para os fillos dos traballadores da fábrica e para os seus, e máis tarde mandou aos fillos a completar os seus estudos a cidades onde a industria era punteira para que, ao volver, aplicasen na empresa o que aprenderan”, explicou.

O grupo foi fundado no 1933 baixo a denominación de Freire Hermanos, para máis tarde, en 1953, incorporar ao negocio a fabricación de aceiro, coa denominación Megasa. Conta na actualidade con seis plantas de produción e dúas de reciclaxe en España (Narón, Valencia e Zaragoza) e Portugal (Maia e Seixal), e ten unha capacidade de produción de 3 millóns de toneladas.

As cátedras de empresa familiar en Galicia

María Montalvo pechou o ciclo de conferencias da cátedra da UDC, baixo a dirección de Berta Rivera, do actual curso universitario, no que tamén participaron a conselleira delegada de Leche Río, Carmen Lence, e o presidente de Grupo Altia, Tino Fernández.

As cátedras de empresa familiar en Galicia, impulsadas pola Asociación Galega da Empresa Familiar, promoven a transferencia de coñecemento sobre as características particulares e diferenciais das compañías familiares, establecendo sinerxias entre a empresa e a universidade. Contan cunha rede propia de alumnos, empresarios, docentes e investigadores. A Asociación Galega da Empresa Familiar está integrada polas 58 principais compañías con sede social e fiscal en Galicia. As empresas familiares son o 92,4% do tecido empresarial galego.