19 de maio de 2022. “As empresas familiares galegas están plenamente comprometidas co seu territorio”, indicou Margarita Hermo, directora da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF). A directora achegou a realidade das empresas familiares galegas aos estudantes da Universidade da Coruña (UDC) dentro do ciclo de conferencias Empresa Familiar.
Margarita Hermo destacou que as compañías galegas son un 92% do total da economía privada, xeran un 86% do emprego e un 85% do PIB privado. Ademais, están moi internacionalizadas xa que “en 21 anos levan investidos 24.000 millóns na súa expansión internacional e séguense creando empresas, 2.000 máis no que vai de 2022”.
Hermo explicoulles aos alumnos e alumnas a importancia de traballar pola continuidade das compañías xa que “é unha parte fundamental da xestión profesional, e require planificación, teña a empresa familiar o tamaño que teña. O obxectivo é asegurar o crecemento”.
A directora indicou que “grazas a esta cultura de empresa familiar podemos sortear dun modo menos traumático crises como a do desabastecemento. Neste caso, resolvendo situacións extremas recorrendo a provedores de proximidade. Así mesmo, as empresas son as que xeran emprego. Por iso, cando se dan as condicións, as empresas nacen, e o emprego crece”.
A conferencia, titulada “O tecido das empresas familiares galegas ante a crise de desabastecemento”, foi organizada pola Cátedra da Empresa Familiar da Coruña. A semana pasada foi a quenda do director de Tranvías da Coruña, José Ignacio Prada. Ambos os relatores estiveron acompañados polo decano da Facultade de Economía e Empresa, Manuel Gómez, e a directora da Cátedra de Empresa Familiar, Berta Rivera.
A Asociación Galega da Empresa Familiar, o Instituto de Empresa Familiar e Industria de Diseño Textil S.A., Inditex, asinaron no ano 2019 un convenio coa Universidade de A Coruña para renovar por catro anos a Cátedra de Empresa Familiar, ata 2023.