“O vínculo emocional e a visión a longo prazo, dá maior estabilidade á empresa”

“O vínculo emocional e a visión a longo prazo, dá maior estabilidade á empresa”

10.10.2022. As cátedras das Empresas Familiares das tres universidades públicas galegas (Universidade de A Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo) comezan o curso coa mirada posta sobre a crise económica e a xestión da mesma por parte das empresas familiares.

“O vínculo emocional e a visión a longo prazo dá unha maior estabilidade á empresa. As compañías familiares adoitan ser conservadoras en termos de capital, o que lles da máis estabilidade financeira” explica Berta Rivera, directora da Cátedra na Universidade de A Coruña.

“As empresas familiares por definición levan varias xeracións funcionando, e están acostumadas a enfrontarse a crises e situacións cambiantes do entorno” coincide Elena Rivo, codirectora da Cátedra da Empresa Familiar da Universidade de Vigo.

Ante as crises, as empresa familiares actúan de xeito diferente. “A evidencia mostra que as empresas familiares afrontan mellor as dificultades económicas que as non familiares. Por exemplo, a crise de 2008 puxo de manifesto que foron grandes protectoras en termos de emprego” detalla Berta Rivera.

“Adoitan ter un comportamento máis conservador, a asumir un menor nivel de endebedamento” apunta Luis Otero, director da Cátedra da Empresa Familiar na Universidade de Santiago de Compostela. Con todo o estudoso indica que “un estudo recente feito en Galicia puxo de manifesto o menor nivel de desenvolvemento medio en termos de xestión do risco. Polo tanto, se ben a xestión flexible e a visión estratéxica poden favorecer un menor manexo das crises, é preciso prepararse mellor a través da implementación de sistemas de xestión integral do risco” explica Otero.

Este curso, como os anteriores, as tres cátedras coordinarán os seus temarios e calendarios de actividades para poñer a empresa familiar no centro da conversa en Galicia. Como novidade, ao final do curso 2022-23, as tres entidades uniranse para outorgar o premio ao mellor traballo de fin de grao ou traballo de fin de mestrado que teña á empresa familiar como foco principal de estudo.