“Oxalá teña a oportunidade de dirixir unha empresa familiar”

“Oxalá teña a oportunidade de dirixir unha empresa familiar”

Para Alejandra Noronha, alumna da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña (UDC), no marco do Máster Universitario de Administración e Dirección de Empresas 2020-2021, poder liderar unha empresa familiar dende a dirección é un dos seus retos de cara ao futuro. “Oxalá ter a oportunidade de poder liderar, dende a dirección, unha empresa familiar”, sinala. Considera que as compañías galegas de propiedade familiar son “moi importantes para esta comunidade”, facendo especial fincapé nos valores destas empresas, afirma que non lle dan medo os obstáculos. “Fallar tamén forma parte do éxito”.

Que aprendiches na asignatura Xestión da Empresa Familiar, enmarcada na Cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña (UDC)?

Son moitos os coñecementos aprendidos, pero gustaríame destacar que grazas a esta asignatura puiden coñecer con maior detalle, a partir do exemplo compartido polos membros das empresas familiares que viñeron ás charlas durante o curso, que España conta cun gran número de organizacións de orixe familiar que xeran emprego e riqueza ao tecido empresarial español, mencionando, como exemplo, a Hermanos Freire, Altia e Grupo Leche Río.

Ademais, puiden ser partícipe da paixón coa que cada un deles e delas fala da súa empresa, así como descubrir que a verdadeira esencia da empresa familiar recae na vontade de garantir a continuidade da mesma, por riba de conseguir beneficios meramente económicos.

Que é o que máis che gustou ou o que destacarías?

O que máis me gustou, e que á súa vez destacaría, sería a estratexia diferenciada baseada nunha visión de futuro, fundamentada principalmente en ensinar e transmitir a toda a súa contorna e, en especial, á propia familia; os valores familiares e a cultura organizacional para conseguir crear valor á empresa, e que esta siga medrando ao longo dos anos. Isto conleva unha responsabilidade moi importante á hora de tomar decisións, xa que o compromiso da familia coa organización convértese nun valor competitivo no mercado. 

Prefires as actividades presenciais ou online?

Se ben é certo que as actividades online foron unha grande oportunidade para poder seguir coas actividades e en contacto cos demais –sobre todo, a raíz destes tempos tan complicados que nos trouxo a Covid-19–, gustaríame destacar que ambas aportan as súas respectivas vantaxes, pero prefiro as actividades presenciais porque para min é fundamental o contacto directo coas persoas. Isto permite a creación de lazos sociais que logran ampliar a nosa rede de contactos dunha forma máis persoal.

Consideras que as empresas familiares son importantes para Galicia?

Así é. Considero que as empresas familiares son moi importantes para esta comunidad.e Grazas a elas podemos ver como, ano tras ano, se presentan datos que mostran que son o principal músculo do tecido empresarial galego. De acordo cos datos presentados pola Asociación Galega da Empresa Familiar (datos de 2017), o 92,4% das organizacións son de orixe familiar, aportan o 85% do VEB empresarial galego e o 86,3% do emprego privado da comunidade. Estes datos son mostra da posición de dominio e importancia que representan estas organizacións no conxunto do territorio galego.

Imaxínaste traballando nunha empresa familiar no futuro?

Por suposto. O feito de que as empresas familiares compartan a miña mesma perspectiva de xestión organizativa, como a visión a longo prazo, a flexibilidade ou a relación próxima con clientes e traballadores, así como a capacidade que poden ter os seus membros á hora de captar e reter talento dentro da organización, fai que as relacións dos mesmos creen un vínculo importante que fortalece a empresa. Aínda que en certas ocasións non sempre se obteñen resultados positivos, fallar tamén forma parte do éxito.

E traballando nos órganos de dirección dunha empresa familiar?

Oxalá ter a oportunidade de poder liderar, dende a dirección, unha empresa familiar. É un dos meus grandes proxectos e retos tanto profesionais como persoais.

Se ben é certo que xestionar unha empresa familiar non ten que ser fácil, gustaríame que a partir da miña experiencia, formación e competencias poida dirixir a empresa. Quen sabe se, nun futuro, sexa eu a que lidere e dirixa a miña propia empresa familiar.

Cres que en Galicia é fácil emprender ou crear unha empresa? 

Emprender conleva crear proxectos sustentables que vaian na liña das novas tecnoloxías, a dixitalización e que, á súa vez, aporten solucións presentes e futuras ás necesidades das persoas. É aquí onde quero destacar que existen diferentes organismos en Galicia que ofrecen un amplo abano de oportunidades para facer o camino máis fácil aos emprendedores.  Podemos mencionar, por exemplo, o Igape, que aposta financeiramente polo desenvolvemento económico, impulsando e estimulando o tecido empresarial de Galicia na creación de novas empresas. 

Son moitas as persoas emprendedoras de Galicia que demostraron que emprender pode xerar medo, incertidume, gana de deixalo todo e abandonar ese soño, pero quen lle diría a Amancio Ortega que esa pequena tenda da Coruña se convertiría nunha das empresas máis grandes a nivel mundial; ou ás emprendedoras Cristina Gamallo, de Situm, ou Paz Cariñena, de Dooing IT, entre outras moitas, que serían o exemplo feminino de moitas mulleres que están neste mesmo camiño emprendedor.

É por todo isto que, dende o meu punto de vista, non definiría o emprendemento ou a creación dunha empresa como algo fácil. Do que non deben dubidar todos aqueles emprendedores é que sempre haberá persoas ou institucións dispostas a prestarlles apoio no camiño do emprendemento, porque malo será que non saia ben con paixón, visión e perseverancia.