Santiago Lago: “A Real Academia de Ciencias Económicas ten un amplo abano de fins”

Santiago Lago: “A Real Academia de Ciencias Económicas ten un amplo abano de fins”

O codirector da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Santiago Lago, vén de ser nomeado académico de número da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras de España (RACEF), un ingreso que o experto economista asume co fin de traballar colectivamente para saír da crise provocada pola Covid-19 desde unha institución que, explica, persegue unha ampla pinza de obxectivos.

Para que serve a Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras?

A Academia ten un amplo abano de fins, entre os que salientan a elaboración de informes para os poderes públicos, a celebración de sesións científicas e conferencias de divulgación, a promoción da investigación e o fomento do estudo e a aplicación práctica das ciencias económicas e financeiras.

 Hai ou houbo outros galegos na Academia?

Si, nestes momentos é membro numerario José Antonio Redondo, conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia e catedrático de Economía Financeira, que será quen faga o discurso de resposta ao meu de ingreso.

Que papel xoga a Academia e para que lle serve á sociedade española?

Na terminoloxía habitual, poderíamos dicir que é un think tank independente, ideoloxicamente neutro na medida en que hai unha ampla pluralidade e diversidade de posicións políticas entre os membros e nos outputs da academia domina claramente a análise técnica. Creo que esta independencia de criterio é algo moi valioso que achega a RACEF. 

Que papel pensa xogar vostede na Academia?

A miña familia e a práctica do baloncesto fixéronme un xogador de equipo. Penso que os intereses e a estratexia colectiva sempre teñen que estar por riba do individual. E así entrarei na Academia, a facer a tarefa que me corresponda polo ben do colectivo. Dito isto, creo que temos marxe para ter máis visibilidade nos fondos debates económicos que viñan de atrás e que a Covid-19 ten intensificado. Temos que aproveitar a crise para reformar e saírmos reforzados, a todos os niveis e en todos os eidos. E a RACEF atesoura moito capital humano para facelo.

Se exercera en Madrid ou Barcelona no canto de en Galicia, tería ingresado antes na Academia?

Sinceramente, penso que non. De feito, son novo para o que é a norma! Estou moi agradecido de que pensasen en min, porque hai moitos outros con tantos ou máis méritos ca min. Supoño que terá pesado o feito de que son un economista que gusto tanto da actividade dentro da universidade como fóra dela. Interésame moito o mundo da administración pública e a macroeconomía, pero tamén o da empresa e a microeconomía. Recoñezo que desfruto pensando e resolvendo problemas e retos de natureza moi diversa.