A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo inaugurou o ciclo de conferencias Empresa familiar e sostibilidade cun primero workshop que contou coa participación das empresas familiares Grupo Agroamb e Grupo Cuevas, dous exemplos de compañías galegas que levan a sostibilidade, a innovación e a economía circular no seu modus operandi.
A directora de competitividade estratéxica de Agroamb, Josefa de León, explicou o caso desta compañía de servizos agrícolas nacida en 1999, cando Severiano Ónega e Marina Ares viron a oportunidade de converter os residuos en recursos, ata o que é hoxe: un grupo que inclúe catro empresas e unha fundación para o impulso do desenvolvemento sostible. “Pasamos de ser agricultores a dar servizos agrícolas e á recollida de fertilizantes. Traballamos seempre pensando que a innovación agrícola é clave no rural para transformar os sistemas alimentarios, para proporcionar oportunidades de negocio relacionados coa agricultura –como, por exemplo, os que se dedican aos drons– para xerar empregos para xente nova e mulleres no rural e para impulsar o crecemento económico a nivel estatal”, sinalou.
Maite González, xerente da empresa de Grupo Cuevas Marrón Glacé, ilustrou o proceso industrial do grupo, que aporta 359.000 quilos ao ano en subprodutos (o 98%), aproveitando a pel da castaña, os almíbares ou as castañas rotas para combustión, apicultura ou alimentación animal, con preto de medio millón de euros de valor e 32.000 euros de aforro, e que só xera 8.000 quilos de residuos. “A sostibilidade marca a diferenza, é un acto de solidariedade e de xenerosidade. As empresas debemos ser xeradoras de esperanza. Comecemos por concienciar a todo o noso equipo, buscar alianzas de valor e simbiose industrial e deixemos de pensar na competencia”, indicou González.
O workshop, presentado pola codirectora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Elena Rivo, contou tamén coa participación da directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, Margarita Hermo, e de Miguel Rodríguez, profesor de Economía Aplicada da universidade e responsable do plan de economía circular de Galicia, que puxeron en valor a sostibilidade como parte do ADN das empresas familiares galegas.
Accede aquí aos vídeos da sesión Políticas para impulsar unha economía circular.