23 de abril de 2021. O presidente de Grupo Altia, Tino Fernández, puxo o acento na aposta da compañía pola internacionalización, que relacionou cos bos resultados obtidos en 2020 a pesar do impacto da pandemia, ao tempo que salientou a importancia dunha “Galicia protagonista” na visión empresarial, durante a súa participación onte no ciclo da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña (UDC). “Sigo tendo o mesmo soño co que comecei en 1994: facer algo grande aquí e, se marcho, que quede unha empresa moito máis sólida e moito máis potente do que é hoxe”, sinalou.
Fernández enxalzou o crecemento de Altia dende a súa creación, unha empresa que puido internacionalizarse para dar servizo en tecnoloxías da información a empresas e institucións a nivel global: na actualidade, conta con máis de 2.200 empregados e 800 clientes e proxectos en sete países con entidades públicas e privadas.
O carácter de empresa familiar foi outro dos valores destacados polo presidente da consultora ante o alumnado universitario. “A empresa familiar de Galicia non é só cousa de familias; tamén son as empresas que viven aquí, que pensan aquí e que teñen aquí as súas bases. Se queremos que Galicia non sexa só un mercado de consumidores, precisamos empresas e empresarios preocupados pola continuidade, a dixitalización ou a internacionalización”, expresou.
Altia obtivo unha cifra de negocio de 129,9 millóns en 2020 malia o impacto negativo do coronavirus, e non aplicou ningunha regulación de emprego. “É importante que os traballadores estén motivados e que vexan que nos momentos de dificultade segues apostando por eles. Nós fomos capaces de seguir xuntos e, afortunadamente, o mercado de tecnoloxías da información estase recuperando”, remarcou, e engadiu que vén “unha década de oportunidades para as empresas galegas no eido tecnolóxico”.
As cátedras de empresa familiar en Galicia
A vindeira semana, o ciclo das cátedras de empresa familiar da cátedra da UDC, que dirixe Berta Rivera, acollerá a conferencia de María Montalvo, directiva de Freire Hermanos, quen compartirá cos estudantes o seu coñecemento sobre os órganos de goberno das empresas familiares.
As cátedras de Empresa Familiar promoven a transferencia de coñecemento sobre as características diferenciais das compañías familiares e as súas problemáticas, a través de sinerxias entre o mundo empresarial e o universitario, cunha rede propia de alumnos, empresarios, docentes e investigadores. A Asociación Galega da Empresa Familiar, entidade impulsora das cátedras, está integrada polas 57 principais compañías con sede social e fiscal en Galicia.