Un proxecto para asegurar a substitución xeracional nas empresas familiares e preservar o seu legado gaña o Hackathon USC Emprende

Un proxecto para asegurar a substitución xeracional nas empresas familiares e preservar o seu legado gaña o Hackathon USC Emprende

O proxecto LegaSí, que propoñía unha solución ao problema do peche de empresas familiares pola falta de substitución xeracional, defendendo o seu legado empresarial e de coñecemento, fíxose co primeiro premio do Hackathon USC Emprende, que se celebrou os pasados días 25 e 26 de outubro, na Facultade de CC. Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

O proxecto Cubo, pensado como solución para favorecer experiencias presenciais entre grupos de persoas afíns, como contrapunto ao excesivo consumo de realidade virtual, alzouse co segundo premio do certame. O terceiro premio recaeu na plataforma de realidade virtual Rural Retreat, para o coñecemento inmersivo da contorna rural e como solución ao despoboamento rural.

Cincuenta rexistrados e seis proxectos

Organizado por AVTE (Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento), área dependente do Vicerreitorado de Investigación e Innovación da USC, a Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia, coa colaboración da Facultade de CC. Económicas e Empresariais, o Hackathon USC Emprende congregou a unha cincuentena de rexistrados. Presentáronse seis proxectos centrados na procura de solucións para un futuro máis sostible e de maior benestar, a cuxos responsables o delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero González, motivou e animou durante as dinámicas de traballo colaborativo.

O xurado estivo composto polo director de AVTE, José Luis Villaverde, a profesora do Departamento de Economía Financeira e directora da Rede de Investigación sobre Emprendemento GEM Galicia, Loreto Fernández, e o director de Investimentos de UNIRISCO, Pablo Mosquera Martínez.

Os tres proxectos gañadores LegaSí, Cubo e Rural Retreat formarán parte da próxima edición do programa Explorer, unha iniciativa de formación de AVTE para transformar proxectos emprendedores en negocios viables, que terá lugar de xaneiro a maio de 2025.