A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo arrincou este martes 15 de outubro a programación aberta ao público do curso académico 2024/2025, coa conferencia “A xestión na empresa familiar: a visión dun executivo non familiar”, impartida por Carlos Rivo López, director comercial de UNVI (Grupo Pérez Rumbao).
A conferencia, que tivo lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, con asistencia de alumnado deste centro, foi presentada pola decana Montserrat Cruz, quen destacou a dilatada traxectoria profesional do relator. En base á súa experiencia en empresas familiares e non familiares, Carlos Rivo analizou durante a súa intervención as diferentes perspectivas de organización ou crecemento dunhas e outras, para proporcionar ao alumnado asistente “pautas que lles permitan ter unha visión da empresa familiar, máis axustada á realidade”. Destacou ademais a existencia de grandes multinacionais familiares, como Inditex, que se estudan como casos de éxito, independentemente da orixe do seu capital, sinalando ademais a visión de longo prazo como unha dos acenos de identidade e principais vantaxes das empresas familiares. En termos xerais, “as empresas non familiares teñen un enfoque máis cortoplacista e soportan unha maior presión dos mercados ou investidores”, segundo o directivo, quen subliñou ademais a especial protección das empresas familiares neste sentido “fronte a tsunamis provocados ás veces por factores externos”, que acaban afectando a “como navega o barco da empresa”.
A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, integrada na Rede de Cátedras de Empresa Familiar, que apoian a Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Inditex, ten entre os seus obxectivos a difusión, docencia e investigación da singularidade e retos das empresas familiares, teniendo en cuenta a súa relevancia económica, vinculación e compromiso coa contorna.