O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar e presidente do Grupo Nogar, Víctor Nogueira, protagonizou hoxe a primeira conferencia dentro do Ciclo de Conferencias da Empresa Familiar que se desenvolverá durante os vindeiros meses na Universidade da Coruña. O programa, que pretende achegar a figura do empresario e das empresas familiares galegas a través da universidade, abordará aspectos tan relevantes como a diversificación estratéxica, a internacionalización, a innovación, o valor de marca e o compromiso coa contorna, entre outros. Todos estes temas serán abordados por relevantes empresarios, a través da súa propia experiencia no eido das empresas familiares, como o Grupo Nogar, Pérez Rumbao, Aceites Abril, Terras Gauda ou Aresa.
O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar destacou que en Galicia oito de cada deez empresas familiares apostan polo investimento en innovación e internacionalización e salientou o valor que as empresas familiares aportan ao territorio onde viven, tanto polo efecto sede como pola vocación de permanencia e crecemento, sen abandonar as súas raíces. Víctor Nogueira constatou que Galicia está na primeira posición entre as comunidades autónomas polo peso e importancia das empresas familiares, xerando un 86,3% do total do emprego empresarial da comunidade.
Nogueira resaltou o papel dos membros das empresas familiares como piares básicos dun equipo no que destaca de xeito marcado a intención de continuidade a través das diferentes xeracións. Para o presidente da asociación, as empresas familiares apostan por transmitir os seus valores aos novos membros da familia, un aspecto diferencial fronte ao resto das empresas e que marca as súas liñas de actuación. Asimesmo, realizou un percorrido polo contexto económico e social existente no noso país nos últimos anos e salientou como factores relevantes no ámbito empresarial o financiamento, a lexislación e a burocracia.