26.01.2024. Madrid foi escenario da Xornada da Rede de Cátedras de Empresa Familiar nun encontro celebrado no Círculo de Bellas Artes. A Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) e a súa rede de cátedras de Galicia, expuxeron os seus traballos e proxectos, coa participación de Luis Otero, director da Cátedra da Empresa Familiar da Universidade de Santiago de Compostela, Margarita Hermo, directora de Agef e María Berta Rivera, directora da cátedra da Universidade da Coruña.
Hermo abordou a importancia da medición do impacto das empresas familiares na súa contorna máis próxima, tanto a través da súa achega de riqueza como dos investimentos sociais que as empresas realizan no seu territorio.
“A asociación atopouse coa necesidade de levar a cabo un estudo entre os seus asociados para avaliar o impacto das empresas familiares nas súas comunidades”, explica a directiva. O estudo, liderado por Agef, xurdiu co propósito de proporcionar unha ferramenta que lles permitise medir e observar a evolución ao longo do tempo en relación ao investimento social das empresas familiares.
Os directores de cátedra de empresa familiar explicaron ante os asistentes os principais proxectos en marcha, tales como o Informe de Empresa Familiar 2024 ou o manual teórico de Empresa Familiar.
Creada en 1998 polo Instituto da Empresa Familiar, co respaldo de universidades de todo o país e das asociacións territoriais da empresa familiar, A Rede de Cátedras conta con 39 cátedras en toda España. O seu propósito é profundar no estudo e análise das empresas familiares, así como achegar o coñecemento ás universidades.
Na imaxe, asistentes á Xornada Rede de Cátedras Empresa Familiar en Madrid . FOTO: Agef