Alumnos do Programa para o emprego e a vida autónoma visitan empresas da contorna

Alumnos do Programa para o emprego e a vida autónoma visitan empresas da contorna

08.06.2023. Seis alumnos con diversidade intelectual do campus de Ourense da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo (UVigo) visitaron Aceites Abril, Unvi e Roberto Verino, tres empresas familiares moi recoñecidas, tanto a nivel nacional como internacional. As visitas puxeron o broche á súa formación dentro do Programa universitario para o emprego e a vida autónoma.

O obxectivo deste curso, un título propio da UVigo,  é ofertar ao seu alumnado competencias que melloren a súa autonomía, formación académica e preparación laboral como cidadáns activos.

Os estudantes reciben formación interdisciplinaria para mellorar as súas competencias sociolaborais, a súa inclusión e empregabilidade. As actividades formativas realízanse de novembro a xuño en convivencia cotiá coa comunidade universitaria, principalmente nas aulas da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Son un total de 300 horas de docencia teórica e 100 de prácticas.

No primeiro cuadrimestre, os estudantes centráronse en materias  xenerais como Expresión e comunicación, Cultura e sociedade, Habilidades emocionais e Matemáticas aplicadas. Na última parte do programa, combínanse estas materias  con outras ensinanzas máis específicas (Turismo termal, Informática, Emprendemento ou Restauración). Complétase con experiencias prácticas en empresas da contorna.

Nestas visitas, os estudantes poden coñecer de primeira man as instalacións das empresas, o sistema de traballo e os produtos e servizos que ofrecen.

Este curso amosa unha actividade máis de responsabilidade social corporativa das moitas que realizan as empresas familiares. Por outra banda, hai que destacar que algúns destes estudantes fan prácticas ou traballan en empresas familiares do entorno.

 

 

Fotografía: Universidade de Vigo.