13 de abril de 2021. Elena Rivo, codirectora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, destacou o “importante proceso de cambio xeracional” que están a experimentar as empresas familiares en Galicia no eido da sucesión, nun proceso no que “a familia vaise retirando máis da dirección e intervén en maior medida en órganos de goberno como accionista”, durante a súa participación no novo ciclo dos Martes de Consellos do Clube de Conselleiras da Asociación Galega da Empresa Familiar, centrado nesta temática.
Rivo salientou que, no ano 2000, o 66% das empresas familiares contaban cun consello de administración, pero “non o consideraban moi útil”, mentres que na actualidade cada vez máis compañías contan co seu propio protocolo familiar para garantir a súa sucesión e continuidade máis alá da primeira xeración, ademais de outros órganos como a asemblea familiar ou o consello de familia.
Isto débese, como apunta a análise exposta pola académica e empresaria, á “crecente conciencia” sobre as características particulares das compañías de propiedade familiar desde os anos 90, coa creación do Instituto de Empresa Familiar, as asociacións territoriais e agrupacións europeas e a creación das cátedras de empresa familiar nas universidades.
“Na actualidade, nas empresas familiares prímase a pregunta ‘que podo aportar eu neste momento á empresa e á familia?’ e establécese un perfil de sucesión, incluíndo a profesionais non familiares e introducindo ferramentas de continuidade como a family office”, sinalou a codirectora da cátedra da Universidade de Vigo.
Rivo puxo tamén o acento na importancia de detectar “as trampas” da empresa familiar para evitar caer en erros que erosionan a unidade e o compromiso. “En ocasións séguese confundindo o goberno coa dirección ou a propiedade coa administración porque moitas veces pensamos que o sabemos todo e que estamos inmunizados por coñecer estas cuestións”, remarcou, e destacou a relevancia de contar cun protocolo familiar con antelación suficiente ao momento da sucesión.
O coloquio, moderado pola directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, Margarita Hermo, e a presidenta de Galuresa, Dolores Martínez, contou coa participación de Marian Mouriño e Tona Martínez, conselleira delegada de Grupo GES e membro do consello de administración de Finsa, respectivamente, que compartiron a súa experiencia no proceso de sucesión das súas empresas familiares.